Rego urxe a mellora dos servizos ferroviarios na comarca das Mariñas

Demanda implantar o servizo de cercanías ferroviarias na liña A Coruña-Ferrol a través de máis frecuencias, horarios adaptados, máis persoal e unha política tarifaria atractiva

O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a mellora dos servizos ferroviarios na comarca da Mariña, a través da modernización do trazado entre Ferrol e A Coruña e a construción do by-pass. Así mesmo, a frente nacionalista propón recuperar os apeadeiros abandonados –como o de Guísamo ou o de San Pantaleón- e aumentar as frecuencias. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reitera a necesidade de implantar os servizos de cercanías ferroviarias na liña A Coruña-Ferrol co obxectivo de dar un servizo de calidade á comarca das Mariñas, en detrimento do vehículo privado.

Durante viaxe entre A Coruña e Ferrol polos camiños de ferro, aínda a día de hoxe, o maquinista ten que cambiar de cabina na estación de Betanzos-Infesta para inverter o sentido da marcha  o que provoca un retraso na hora de chegada. A obrigatoriedade de realizar un transbordo na estación de Betanzos-Infesta en servizos como o que sae de Ferrol ás 8.40h eleva o atraso até os corenta minutos, situación que non axuda a promocionar o uso do transporte ferroviario nas comarcas de Ferrol, As Mariñas ou A Coruña. Tampouco facilita o uso a falta de persoal que informe nos accesos ou que revisen os billetes.

“É necesario acelerar os traballos para acometer unha obra imprescindíbel na comarca e que solucionarían a necesidade de inverter a marcha na estación de Infesta, como é o by-pass de Betanzos” sinala o deputado do BNG no Congreso. Rego lembra que esta é «unha obra demandada durante décadas e que permitiría a mellora da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol”.

A candidata do BNG á alcaldía de Betanzos recorda que nos orzamentos para 2021 contemplábase 120 mil euros para esta actuación mais o Goberno do Estado decidiu non executala. “Para 2022 recollían 170 mil euros mais tampouco se chegaron a executar. Na proposta para 2023 a partida é de 28 mil euros, absolutamente insuficientes para unha actuación que custaría un total de entre 20 e 40 millóns de euros en segundo os estudos” recrimina Sánchez. En todos estes proxectos de orzamentos, destaca a candidata á alcaldía polo BNG, a frente nacionalsita rexistrou emendas para aumentar o investimento para permitir acometer as obras de maneira máis áxil “mais os partidos que conforman o Goberno do Estado votaron en contra”.

Así mesmo, a organización nacionalista indica a necesidade de acometer unha modernización do trazado ferroviario entre Ferrol e A Coruña, contemplando a electrificación e unha dobre vía. “Tamén se deben mellorar os accesos e aumentar os puntos de cruzamento que permitiría pór en marcha un sistema de frecuencias intensivo para as proximidades ferroviarias” reivindica o deputado do BNG no Congreso.

“É preciso restituír os apeadeiros abandonados como o de Guísamo, en Bergondo, ou o de San Pantaleón, en Paderne, e a apertura de estacións en Betanzos e Miño para dar cobertura aos principais núcleos de poboación” defende Rego. Tamén sería fácil a habilitación de zonas de aparcamento gratuíto nas súas proximidades que “promovesen o uso do transporte ferroviario, colectivo e sustentábel, en detrimento do vehículo privado”.

Para o BNG, o tren entre Ferrol e A Coruña, que pasa por moitos dos municipios das Mariñas, “podería habilitarse perfectamente como tren de proximidade de forma inmediata para o que só faría falta aumentar as frecuencias, os horarios, o persoal e unha política tarifaria adecuada, á vez que se realizan as melloras nas infraestruturas que permitan un adecuado servizo de proximidade ferroviario”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.