Remedios Cid encabezará a lista do PPdeOU en Vilar de Santos

Remedios Cid Márquez encabezará a lista do PPdeOU en Vilar de Santos nas vindeiras eleccións municipais. O presidente provincial, Manuel Baltar, reuniuse esta tarde coa nova cabeza de lista para avanzar nos detalles da candidatura, definindo como «unha gran nova para o Partido Popular de Ourense» a incorporación como candidata en Vilar de Santos de Remedios Cid, «unha profesional cun excelente currículo, vinculada a proxectos sociais, que coñece o concello traballando de xeito directo cos veciños e que é afiliada ao Partido Popular».
Manuel Baltar sinala de Remedios Cid que «ten proxecto, ten ilusión, moita capacidade profesional e política e estou seguro que o 28 de maio, acompañada do seu equipo, obterá un grandísimo resultado para o Partido Popular de Ourense».
Pola súa banda, Remedios Cid destaca o «coñecemento das inquedanzas dos veciños dentro do meu contacto directo co territorio» -é a directora do Punto á Atención a Infancia deste concello- e pondera a súa vontade de «implementar novos proxectos dentro dun concello que, considero, necesita dinámicas innovadoras para aproveitar todas as súas potencialidades».
A candidata amosa o seu «entusiasmo por traballar arreo a prol de Vilar de Santos» e avanza unha das claves do seu futuro programa: «Veño cun proxecto centrado nas persoas, poñendo o foco en todos os veciños do concello ao marxe da súa cor política».
DÚAS DÉCADAS DE EXPERIENCIA EN PROXECTOS EDUCATIVOS E SOCIAIS
Remedios Cid Márquez (1978) ten o título de Maxisterio na especialidade de Educación Infantil pola Universidade Autónoma de Madrid. Mestrado en Competencias Avanzadas da Educación, suma dúas décadas de experiencia en diferentes proxectos educativos e sociais, sempre enfocados na infancia. Dende setembro de 2020 é a directora do Punto á Atención a Infancia de Vilar de Santos -a gardería deste concello-.