Vilalba Aberta elixirá candidato/a á alcaldía nunha asemblea participativa

Fixada para este sábado 28 (19h) no Hostal Restaurante Terra Chá, a asemblea aberta de elección de candidatos permitiralle aos veciños/as elixir ou ser elixidos, sempre e cando se inscriban e os restantes participantes lle outorguen a súa confianza

Vilalba Aberta vén de anunciar a convocatoria dunha asemblea aberta á veciñanza co fin de elaborar a candidatura coa que concorrerá ás Eleccións Municipais de Maio. Un procedemento “participativo e plenamente democrático” co que a formación municipalista busca marcar distancias co xeito de facer dos partidos políticos tradicionais e no que se contempla que calquera veciño/a poida inscribirse para elixir ou ser elixido candidato/a, sempre e cando os restantes veciños/as participantes lle outorguen a súa confianza.

“Se PP e PSOE pechan as súas listas nos despachos, nós abrímolas á xente”, expresou Mónica González. A responsable de organización de VA definiu o método elixido como unha invitación “colectiva, valente e cívica” que, agarda, involucre aos veciños/as de vila e parroquias na ilusión compartida por unha proposta política con vocación de maiorías que sexa quen de gañar o goberno de Vilalba para a xente.

Fixada para o vindeiro sábado 28 a partires das 19h (Hostal Restaurante Terra Chá), a asemblea supón a culminación dun continuado exercicio de apertura, a fin de “sumar indo máis aló dos partidos”, pois, tal e como lembran “a veciñanza e a súa implicación son imprescindibles para cambiar as cousas”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.