A Xunta emitiu máis de 1200 informes en materia paisaxística o ano pasado e completou o pacto pola paisaxe da Ribeira Sacra

A Xunta de Galicia, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), emitiu o ano pasado un total de 1206 informes en materia paisaxística, unha intensa actividade neste eido que tamén estivo marcada por outro fito clave para a Ribeira Sacra, ao completarse a execución do Pacto pola paisaxe impulsado en 2020 para poñer en valor esta zona a cabalo entre Lugo e Ourense.
Así o destacou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa intervención no Consello Asesor da Paisaxe, constituído no ano 2019 para analizar e orientar as políticas sectoriais do Goberno galego e que nesta ocasión se reuniu para facer balance da actividade desenvolvida nesta materia o ano pasado e avanzar algúns dos principais proxectos de cara ao presente exercicio.
Ao respecto, a responsable autonómica salientou que foi un ano “clave” no eido da protección e a posta en valor da paisaxe galega, subliñando a modo de exemplo o conxunto de actividades executadas na Ribeira Sacra, por un importe total de 550.000 euros. Así, destacou especialmente a construción do miradoiro do Alto da Picota, nos Peares, o acondicionamento e mellora dos itinerarios de interese paisaxístico nesta zona ou a realización de murais artísticos no exterior de fachadas degradadas.
De igual xeito e no marco da aposta decidida do Goberno galego polo fermosismo, Vázquez Mejuto indicou que a segunda convocatoria das axudas do IET para a corrección de impactos paisaxísticos en edificios, equipamentos e inmobles privados saldouse cun éxito maior incluso que a anterior.
De feito, en 2022 concedéronse un total de 1080 subvencións por importe de 3,6 millóns de euros e tal e como indicou a conselleira, esta liña de axudas terá continuidade este ano a través dunha nova convocatoria, publicada o pasado mes de xaneiro e cuxo prazo de solicitude rematou precisamente hoxe no caso dos incentivos dirixidos aos concellos.
Entre as principais novidades nas que traballa o departamento autonómico para seguir avanzando na protección e na ordenación da paisaxe, a conselleira incidiu en que a Xunta quere consolidar ao longo de 2023 os avances e iniciativas que xa ten en marcha ao tempo que apostará por outros plans e liñas de actuación novidosas.
En concreto, subliñou a participación de Galicia en dous novos proxectos europeos relacionados co impulso das infraestruturas verdes. Un deles será o Green Gap, en colaboración con Portugal e que ten como obxectivo o desenvolvemento de proxectos deste tipo no ámbito local. En canto ao outro proxecto, liderado neste caso polo IET en Galicia e cun orzamento de 3,3 millóns de euros, trátase do Green infraestructure for forest and trees e está enmarcado no programa Interrreg Europe.
Neste sentido, outro dos grandes fitos que marcarán 2023 será a aprobación da Estratexia galega de infraestrutura verde de Galicia, un documento clave neste eido e cuxo primeiro plan de seguimento tamén verá a luz este mesmo ano.
Colección paisaxe galega
Así mesmo, tamén está previsto darlle continuidade á Colección Paisaxe Galega do IET, que engloba ata o momento un total de 13 publicacións e un visor dixital que teñen como fío condutor o obxectivo de axudar a divulgar os valores paisaxísticos da Comunidade entre administracións públicas, colectivos profesionais e cidadanía en xeral.
O obxectivo é que nos vindeiros meses se sumen á mesma dúas novas guías de boas prácticas: a de instalacións portuarias e a de parques empresariais. En todo caso, durante a reunión avanzouse que o IET tamén traballa noutro manual para a implantación de contedores de residuos urbanos e ten previsto iniciar outras dúas guías totalmente novas: a de integración na paisaxe urbana e rural de terrazas nos espazos públicos e a de integración das áreas de lecer, tanto no litoral como no interior.
Por último, IET e Dirección Xeral de Patrimonio Natural colaborarán para levar a cabo o Plan de acción da paisaxe Ancares-Courel, asociado ás intervencións incluídas xa no Plan estratéxico da Consellería.