Denuncian que o SERGAS se nega a asegurar que o servizo de pediatría se manterá en Touro

A Xerente do SERGAS negouse a manter unha reunión co grupo socialista para abordar a situación do centro de saúde

O PSOE de Touro denuncia que o SERGAS “non quere asegurar se o servizo de pediatría se manterá ou non no municipio”. A voceira socialista de Touro, Gemma López, solicitara unha reunión coa xerente do SERGAS, quen declinou a xuntanza e non aclara o futuro do centro de saúde de Touro.

“A xerente do SERGAS afirmara fai meses na prensa que non podía haber un pediatra en cada centro de saúde. Por iso, o pasado mes de outubro, dende o PSOE de Touro solicitamos unha reunión con ela para que nos aclarase o futuro do servizo de pediatría no centro de saúde do municipio”, explica Gemma López, voceira socialista.

Os socialistas de Touro denuncian que a Xerencia do SERGAS “declina ter unha xuntanza co PSOE de Touro, negándose polo tanto a aclarar se Touro terá garantido o seu servizo de pediatría”.

Ademais de negar a reunión co grupo socialista, “dende a Xerencia do SERGAS trasládannos unha carta na que empregan escusas e bótanlle a culpa a outros organismos, malia que é a Xunta de Galicia quen ten as competencias de sanidade e polo tanto depende deles o servizo”.

“A calidade dos servizos públicos é fundamental para o rural. As familias de Touro deben ter asegurado que haberá un pediatra para atender aos cativos e cativas. Fronte a esta situación, o Partido Popular, co apoio tamén do alcalde de Touro, deterioran a sanidade pública e benefician á privada”, finaliza a voceira socialista.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *