FEGADACE e a Facultade de Medicina da USC colaboran na sensibilización sobre o dano cerebral coa exposición ‘Punto e seguido’

A colección de fotografías pode verse nos corredores do centro do 14 ao 28 de febreiro
A exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ chega este mes á Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dunha mostra coa que a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e as súas asociacións achegan, a través da fotografía, o día a día das persoas con esta discapacidade.
A colección de imaxes poderá visitarse desde o 14 ata o 28 de febreiro nos corredores da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC (Rúa de San Francisco, s/n, Santiago de Compostela). O horario de apertura do centro é de 8:00 a 22:00 horas.
Colaboración entre FEGADACE e Medicina
A Federación Galega de Dano Cerebral e a Facultade de Medicina colaboran desde hai anos, se ben a relación máis estreita ata o momento mantívose co centro de Odontoloxía; en concreto coa súa Unidade para Persoas con Necesidades Especiais.
FEGADACE e a Unidade levan elaborado conxuntamente materiais formativos e divulgativos, unha páxina web e actividades de capacitación en hixiene bucodental dirixidas ás familias e ás persoas usuarias das asociacións de dano cerebral -ata o momento realizadas en Alento e Sarela-. Ademais, a Unidade recibiu en 2019 o Premio FEGADACE – Miguel Blanco.
Proxecto ‘Punto e seguido’
As fotografías que compoñen a mostra, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación Galega de Dano Cerebral. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, DCA Ourense e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.
Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.
A organización da exposición conta coa colaboración da USC e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.