Galiza Nova presenta a campaña do 8M baixo o lema “Tecendo o fío lilá da historia”

por Redacción Galicia

Sabela Méndez, Responsábel Nacional de Mulleres: «Ante a invisibilización das referentes do noso País, que foron pioneiras en moitas causas, é necesario que a súa loita sexa coñecida para avanzar na conquista dunha Galiza feminista e dona de si»

A organización xuvenil do BNG presentou este martes a súa campaña para este 8 de marzo baixo o lema «Tecendo o fío lila da historia» coa que pretenden facer «unha viaxe» ao longo da historia do movemento feminista galego dende as Cigarreiras na Coruña no 1831 ata a loita das traballadoras da limpeza de Lugo, que veñen de conseguir unha suba salarial do 18% tras máis de 100 días en folga.

Tal e como salientou Sabela Méndez, Responsábel Nacional de Mulleres da organización «con esta campaña pretendemos vincular a historia do movemento feminista poñendo en valor 3 cuestións que non poden faltar no noso discurso: a tripla opresión que sufrimos as mozas galegas, a orixe obreira que ten a data do 8 de marzo e as nosas propostas actuais en materia de feminismo».

Galiza Nova elixiu o Camiño da Igualdade do Campus de Ourense para levar a cabo a presentación desta campaña «para poñer en valor espazos que visibilizan a presenza das mulleres, do seu traballo e das súas loitas» explicou Méndez, «así como para reivindicar tanto a escasa existencia destes como a falta de referentes no noso país. É necesario coñecer a loita das mulleres ao longo da nosa historia, pioneiras en moitas ocasións, para que a súa labor sexa coñecida e seguir avanzando na conquista dunha Galiza feminista e dona de si».

Durante a campaña, a organización xuvenil do BNG, fará unha labor de divulgación da historia do movemento feminista galego dende o 1831 ata a actualidade, tanto a través das redes sociais como con actividades formativas que organizarán nas diferentes cidades e vilas do país. «Vai haber actividade nas 7 cidades galegas e tamén noutras vilas do país tanto para divulgar a nosa mensaxe como para organizar a asistencia ás mobilizacións no propio 8 de marzo, nas que estaremos xunto co resto do movemento feminista galego reclamando unha sociedade na que vivir libres e iguais» finalizou Sabela.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario