Marina Ortega reclámalle ao Goberno galego que “garanta a cobertura de tódalas prazas de pediatría no Hospital de Verín”

Sinala que o servizo é “insostible” logo de que a Xunta amortizara unha das 3 prazas de Pediatría e deixara outra delas vacante por unha excedencia

A parlamentaria socialista Marina Ortega vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta que cubra tódalas prazas de Pediatría asignadas ao Hospital de Verín. Ortega levará esta demanda ás protestas convocadas mañá sábado diante do Hospital Comarcal.

Ortega alerta de que a situación da área de Pediatría no Hospital tense tornado en “insostible” logo de demostrarse “desbordada” sen que a Consellería de Sanidade faga nada diante da falla de profesionais. Responsabilizou ao goberno galego de empeorar deliberadamente a situación deste servizo logo de amortizar sen explicación unha das 3 prazas de Pediatría en 2021, ao que se suma unha excedencia dunha das dúas pediatras que quedaban, sen cubrir dende 2022.

Alerta de que actualmente “non se están a cubrir os protocolos de revisións pediátricas” en nenos e nenas en tempo e forma, xa que no mellor dos casos son cubertas por unha enfermeira, sen a participación dunha pediatra. As urxencias pediátricas “non existen na práctica”, xa que son derivadas ao hospital de referencia, xa saturado, facendo inviable o seguimento acaído ás doenzas infantís por parte do profesional pediátrico.

A parlamentaria socialista sinala que os pais e nais vense obrigados a acudir á sanidade privada en Ourense, a máis de 70 quilómetros de distancia, co conseguinte gasto de cartos e de tempo. As familias están obrigadas a asumir o custe das prescricións de medicamentos da sanidade privada que non son asumidos pola Seguridade Social, o que multiplica os sobrecustos provocados polas carencias na pediatría pública en Verín.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *