O PP de Monforte apoia aos veciños do Casar e reclama a renovación das tubaxes da auga e do pavimento das rúas do barrio

A portavoz popular, Katy Varela, anuncia a presentación dunha nova iniciativa no pleno municipal, para corrixir as deficiencias infraestruturais que causan considerables molestias e problemas aos veciños

O goberno local, presidido polo socialista José Tomé, ten claramente demostrado o seu desinterese polos barrios da periferia da cidade. Así o asegurou en reiteradas ocasións a portavoz popular, Katy Varela, que de novo ve confirmada a súa afirmación no barrio do Casar, onde as infraestruturas presentan graves deficiencias que fan a vida moi incómoda aos veciños. Anuncia a presentación dunha nova iniciativa no pleno para que o Concello acometa as melloras que demandan os residentes neste barrio.

Katy Varela e outros membros do PP monfortino estiveron cos veciños do Casar, que expresaron, di a portavoz popular, “a súa preocupación e enfado pola situación en que se atopa este barrio”. Di que “é unha clara mostra de que Tomé ten abandonados aos barrios da periferia, como xa denunciamos noutras ocasións, como xa dixemos tamén, por exemplo, en relación coa Estación”.

Varela explica que “o Casar é un barrio que sofre constantemente roturas das tubaxes da auga, e o firme das súas rúas está cheo de fochancas; están, intransitables, tanto para vehículos como para peóns”. Os populares destacan que nesta zona de Monforte residen moitas persoas de idade avanzada ás que resulta difícil camiñar por rúas en tan mal estado.

Katy Varela lembra que “o PP levou ao pleno o pasado verán unha iniciativa para demandar unha rehabilitación integral do barrio, non só das rúas”. Indica que hai algunhas árbores que poden caer. Anuncia: “Incidiremos de novo neste asunto, polo que os veciños nos confirman que entregaron un escrito no Concello solicitando o arranxo das tubaxes da auga e do firme das rúas”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *