Os usuarios do bus urbano da Coruña subiron un 23% o ano pasado

Inés Rey destaca o efecto positivo das bonificacións do billete implantadas polo Goberno municipal
A alcaldesa, Inés Rey, presentou xunto ao director da Compañía de Tranvías, Ignacio Prada, e ao concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz, o balance de viaxeiros do servizo de autobuses urbanos durante o 2022. No conxunto do ano rexistráronse un total de 20.002.007 viaxeiros, o que supón un ascenso do 23 % con respecto ao 2021 e sitúase por riba da medida española en canto á recuperación fronte ás cifras previas á pandemia.
“Estas estatísticas amosan que A Coruña coas súas medidas a prol do uso do transporte público e colectivo estase aproximando aos datos anteriores á pandemia e subindo en número de viaxeiros de xeito significativo”, declarou Inés Rey. Todas as liñas aumentaron significativamente o número de viaxeiros e viaxeiras, destacando sobre as demais a liña universitaria, cun 24 % máis de usuarios no 2022. Nesa liña o executivo local aprobou o pasado outubro unha bonificación do 60%.
No mes de setembro, cando se implantou o 30 % de desconto no billete do bus, o número de usuarios incrementouse ata chegar ás cifras previas á pandemia. No que vai de 2023, as estatísticas continúan a mellorar e se sitúan só un 5 % por debaixo do rexistrado no mesmo período do 2019. No primeiro mes deste ano rexistráronse 1.770.491 viaxeiros, 374.814 más que no 2022, exercicio no que xa se produxera un aumento importante.
“Estas estatísticas son consecuencia da política do fomento do transporte público que estamos a levar a cabo, grazas ao apoio do Goberno de España e grazas tamén ao esforzo económico que estamos a facer desde o Concello”, indicou Inés Rey. A rexedora criticou a negativa da Xunta de Galicia a bonificar o transporte urbano coruñés: “Unha mostra máis do desleixo da administración autonómica cara aos coruñeses e coruñesas”.
Medidas para impulsar o uso
Rey fixo repaso das medidas levadas a cabo polo seu Goberno para impulsar o uso do transporte urbano como unha alternativa cara unha mobilidade máis sostible. O 1 de setembro do 2022 aplicouse unha baixada nas tarifas dun 30 %, pasando o billete normal a custar 0,52 euros. Ademais, a partir do mes de outubro os 12.000 estudantes da Universidade da Coruña recibiron unha bonificación do 60 % no prezo do seu billete, pasando de 0,52 a 0,21 euros. “Este ano, desde o Concello da Coruña quixemos manter eses descontos promovidos polo Goberno central e aumentamos a rebaixa ata o 50 % do prezo do billete, sumando un 20 % con fondos propios”, informou Rey.
A tarifa xeral é hoxe de 0,38 euros por viaxe, a social custa 0,12 e a universitaria é de 0,15 euros grazas ao investimento municipal de 1,2 millóns de euros. “Levamos a cabo esta medida nun momento no que temos que axudar a cidadanía ante unha situación económica complexa, pero tamén o facemos porque cremos no noso transporte urbano e ante a necesidade de crear hábitos de mobilidade sostible”, sinalou a rexedora.
O Goberno municipal levou a cabo nos últimos meses outros importantes avances no servizo, como a posta en funcionamento da nova aplicación para sistemas Android Millenium Próxima, que permite pagar o billete co teléfono móbil. Ademais, o Concello licitará nos vindeiros días unha nova ferramenta que permitirá o pagamento do bus tamén en sistemas iOS a través de códigos QR. “Queda acreditado que este Goberno municipal aposta plenamente polo bus urbano e que grazas ás nosas medidas conseguimos mellorar os datos estatais de viaxeiros no 2022 e aproximarnos xa ás cifras previas á pandemia”, sinalou Inés Rey.