Portada Feminina. Por @DulceCorcu

Vén de celebrarse o Torneo Comarcal de Seleccións Galegas coa participación do fútbol costeiro tanto na súa versión masculina como na feminina. O reto sempre é difícil para unha comarca pequena que terá que enfrontarse ás potentes cidades, demográficamente moi por enriba da Costa da Morte, e por iso mesmo cada pequena vitoria merece ser celebrada e tomada en consideración coa importancia que ten.
Nesta edición, o fútbol feminino brillaba con luz propia, obtendo uns resultados que, no caso da Selección Sub-14 dirixida por Rubén Martínez e Paula Veiga, acadou o carto posto pero cos mesmos puntos que as tres inmediatas, o que convida a soñar coa clasificación na seguinte fase. Un traballo indiscutible das canteiras, desas nenas que comezan nos equipos das súas vilas xogando en mixtos, ás veces únicas xogadoras en formacións íntegramente masculinas, pero que saltan ao terreo de xogo cada semana sen que iso supoña ningún atranco. Un poder feminino que ten a súa eiva nas poucas adestradoras coas que aínda conta o fútbol da Costa, algo que o futuro por forza irá subsanando, a medida que estas xeracións de xogadoras que medran cun balón no pé, se atrevan a dar o paso de converterse tamén en formadoras.
Que tantos clubs costeiros deran ou estean a piques de dar o paso de crear equipos exclusivamente femininos, incluso con máis dunha categoría coma é o caso de Dumbría ou Cee, non é casualidade: é un empurre imparable dun fútbol feminino que merece ser portada.
Foto: Yara. E.F. Juan Cabrejo (Concello de Camariñas) integrante da Selección da Costa Sub-14 feminina