A Xunta impulsa o Lugo romano cun convenio coa Cohors III Lvcensivm que promocionará a cidade no Natale di Roma, en abril

Co obxectivo de impulsar a promoción do Lugo romano tanto a nivel nacional como internacional, a Xunta de Galicia e a asociación cultural de recreación histórica Cohors III Lucensium asinaron un convenio de colaboración que permitirá levar a cabo varias accións de difusión do Lugo romano e de promoción da provincia, entre os que destaca a viaxe a Roma da Cohors para participar nunha das festas romanas máis importantes, no vindeiro mes de abril.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe con membros do colectivo para abordar as accións que levarán a cabo, e para coñecer os por menores da súa participación na cita italiana, na que será a primeira saída do colectivo desde que o Arde Lucus foi declarada de Interese Turístico Internacional esta mesma semana. O Natale di Roma é a gran festa de recreación histórica que celebra a capital italiana a partir do 21 de abril, na que desfilarán 50 lexionarios da asociación lucense coa Xunta como principal patrocinador. A Cohors tamén estará presente na festa de Geto Dacii que acolle a cidade de Iasi (Rumanía) do 13 ao 17 de xullo.
Arias puxo en valor o labor do colectivo para promocionar a riqueza cultural vinculada ao pasado romano de Lugo e ás rutas xacobeas, en especial mediante a participación en festas de recreación histórica de toda Galicia e de fóra da Comunidade. Ademais, na reunión abordaron a colaboración para outras propostas, como a de desenvolver actividades divulgativas en diferentes concellos e implicar a escolares da provincia.
Así mesmo, amosou a vontade da Xunta de seguir «traballando conxuntamente coas asociacións para darlle visibilidade ao noso patrimonio e potenciar as nosas celebracións máis auténticas».