Adolescentes de Coristanco convértense en locutores de radio para loitar contra as inxustizas

O martes da semana que ven terá lugar a gravación de varios programas de radio no CPI Alcalde Xosé Pichel
Case un centenar de mozos e mozas de 1º e 2º da ESO do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco gravarán o martes da semana que ven varios programas de radio para loitar contra o machismo, os abusos ambientais ou o discurso de odio contra a migración e o colectivo LGTBIQ+. Esta actividade enmárcase no proxecto de educación en valores “Activistas polo mundo queremos” no que participan dende comezos de curso .
En obradoiros anteriores aprenderon o que significa ser unha persoa activista tanto na Galiza coma noutras partes do mundo. Tamén reflexionaron sobre como as ferramentas comunicativas como a radio, pódenlles axudar no seu activismo. Agora os mozos e mozas, como se fosen auténticos xornalistas, tras investigar e facer os guións das súas reportaxes, locutarán e gravarán en “falso directo” os seus propios programas de radio de denuncia e transformación social.
Así o alumnado coristanqués súmase aos case 600 adolescentes que dende Pontevedra, Oleiros ou Vigo participan este ano na 10º edición de “Activistas polo mundo queremos“. Un proxecto de educación para a cidadanía global que xa chegou a máis de de 4300 mozos e mozas e 240 docentes de toda Galicia, e que é posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) coa colaboración de Feitoría Verde e o financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.
Activistas polo mundo queremos forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Parte importante deste traballo é a propia difusión, así que dende Activistas polo Mundo que Queremos convidamos aos medios de comunicación a que compartan esta información e acudan as gravacións para darlle voz aos mozas e mozos, verdadeiros protagonistas deste proxecto.
HORARIOS DAS GRAVACIÓNS DOS PROGRAMAS RADIAIS:
ONDE? No CPI Alcalde Xosé Pichel (Rúa Traba, 88, San Roque, Coristanco)
CANDO? Martes, 28 de marzo: 8:45h -10.25h (2º A) e de 10:40h – 12:20h (2ºB)