El PSdeG se “rearma” en Becerreá para derrotar el 28M al alcalde exsocialista Manolo Martínez

Carlos Pereira Fernández é o candidato socialista á Alcaldía de Becerreá nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Carlos Pereira, natural de Becerreá, é un histórico militante do PSOE que desempeñou diversos cargos orgánicos no partido, ademais de ser Concelleiro socialista entre os anos 1999 e 2003 na Corporación local.

O Secretario Xeral dos PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, subliñou que “a longa e recoñecida traxectoria de compromiso e loita por mellorar o seu concello e as condicións de vida dos seus veciños, xunto cos seus valores e principios, e a cercanía coa xente” fan de Carlos Pereira “o mellor candidato” para sacar a Becerreá “da situación insostible de deixadez e letargo á que o ten sometido o Alcalde”.

O líder do socialistas da provincia recalcou que o candidato é “un perfecto coñecedor da realidade de Becerreá, das súas necesidades e das súas oportunidades, porque está en contacto permanente coa xente, e tamén coñece ben o funcionamento da Administración local, o que é garantía de xestión para sacar adiante un proxecto de futuro para os veciños dende o diálogo, a sensatez e o rigor”.

O candidato socialista explicou que, despois de ser Concelleiro e participar activamente na vida política local, afronta este novo reto “coas mesmas forzas e a mesma ilusión do primeiro día, ou incluso máis, porque vexo diariamente que o noso concello vai a menos. Estamos perdendo servizos públicos e dotacións como por exemplo o GES, e mentres, o Alcalde asina os finiquitos e ponse de perfil nun asunto tan importante para esta comarca da Montaña”.

“Os veciños e veciñas de Becerreá”, incidiu, “merecen recuperar a senda de dinamismo e de progreso pola que avanzou o noso concello, e que o Alcalde cortou cos seus delirios de grandeza”. “Traballarei con total intensidade xunto coa miña candidatura para que Becerreá sexa de novo un referente en actividade social, económica e de emprego”. Para elo, explicou, “o máis importante para nós é escoitar a todos os veciños e atender o seu día a día con eficacia, e, ó mesmo tempo, traballar para sacar adiante proxectos que impulsen Becerreá”.

Compromiso co centro de maiores

Dentro deses proxectos, Carlos Pereira recalcou que a posta en marcha do Centro de Atención a Maiores será unha “prioridade absoluta”, subliñando neste sentido o compromiso expresado por parte do Presidente da Deputación de seguir adiante para poñer en servizo as instalacións.

Un compromiso demostrado “con feitos”, pois dende o inicio do actual mandato, en xullo de 2019, a Deputación rematou as obras de construción da estrutura do edificio, nas que investiu 3,5M€. Ademais, o Goberno provincial detectou e solucionou as graves carencias que existían no proxecto inicial -elaborado estando o Alcalde na Deputación-, como é a falta dun Centro de Transformación Eléctrica, un elemento imprescindible para o funcionamento dunha residencia destas características.

Detectado este grave erro, a Deputación iniciou de inmediato os trámites para a redacción do proxecto e posterior contratación do Centro de Transformación, cun custe importante, que ascendeu a 100.000 euros. A día de hoxe, estas obras estanse acometendo.

O único que retrasou a residencia foi o Alcalde Manolo Martínez

Polo tanto, producíronse avances na residencia, e, en todo caso, o único que retrasou o Centro de Atención a Maiores de Becerreá foi o propio Alcalde ó presentar un proxecto con carencias importantes, especialmente a falta do mencionado Centro de Transformación Eléctrica.

Os socialistas recordan ademais que o rexedor, sendo Presidente de SUPLUSA co apoio do PP, “non só foi incapaz de abrir nin unha soa residencia, senón que encomendou a construción do centro de Becerreá á Deputación de Lugo. Non se fiaba nin del mesmo”.

Carlos Pereira incidiu en que a única intención do Alcalde de Becerreá “é acadar a Alcaldía para chegar ás portas da Deputación de Lugo, nin máis nin menos, esa é a súa única obsesión. Preséntase por orgullo persoal e por protagonismo mediático. As prioridades dos veciños interésanlle pouco ou nada, como quedou demostrado no Nadal, no que tivo que organizar actividades a Asociación As Candelas, e no Entroido, que non se fixo nada en Becerreá. O Alcalde non está, nin se lle espera”, lamentou.

 Atraer empresas e crear emprego

O candidato socialista expuxo que nesta convocatoria electoral esta preparando “unha candidatura con xente moza e nova, e por suposto, con experiencia”. “O que queremos sobre todo é colaborar con tódalas asociacións de veciños, sen discriminación, e tamén dar voz a tódolos colectivos culturais e deportivos que contribúen a dinamizar a programación de actividades na nosa vila ao longo de todo ano”. Ademais, traballaremos para atraer empresas a Becerreá e crear emprego, “ofrecendo terreo a un coste asumible, e impulsar a segunda fase do parque empresarial, totalmente paralizada polo goberno actual”.

 

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *