Este sábado, XXIII Dúatlon Escolar Cidade de Santiago

Este sábado 18 de marzo o club compostelán, Triatlón Inforhouse Santiago, organiza o XXIII Dúatlon Escolar Cidade de Santiago a partir das 10:00

A continuación terá lugar unha proba do Circuíto Supersprint. Na xornada de tarde celebrarase o XX Dúatlon Cidade de Santiago dende as 15:30 ata as 19:30 nas inmediacións do Estadio Municipal Verónica Boquete.

A proba escolar será clasificatoria para o provincial, dentro do programa Xogade promovido pola Secretaría Xeral para o Deporte. Estas probas están dirixida a rapazas e rapaces nados entre o 2008 e o 2015. Ademais haberá unha proba non competitiva para os/as máis pequenos/as, nados entre 2016 e 2017 que teñan os 6 anos cumpridos. As saídas serán por categorías, entre as 10:00 e as 12:45, recorrendo distancias entre 200 e 1600m na carreira a pé e entre 1,7 e 6,8 Km no sector de bicicleta.

Estímase unha participación de 254 rapazas e rapaces. Finalizadas as probas escolares, será o turno dos deportistas federados a nivel autonómico de categorías cadete, xuvenil e junior nunha proba puntuable para o Circuíto Supersprint. En primeiro lugar deben facer 2 Km de carreira a pé polas bancadas da zona de aparcamento do Estadio Municipal seguidos de 7,2 km de ciclismo na estrada que leva o Monte do Gozo e finalmente outra carreira a pé de 1Km ao redor do estadio.

Este mesmo recorrido será ao que se enfrontarán os deportistas na proba promocional aberta a deportistas non federados ou con licenza de ciclismo. O obxectivo desta proba é facilitar os deportistas afeccionados unha toma de contacto con esta disciplina deportiva. No conxunto das saídas en distancia Supersprint, participarán 150 deportistas.

Xa pola tarde comezarán as probas clasificatorias para os Campionatos Galegos Absoluto de Dúatlon por Estrada en categorías feminina e masculina, cunha participación de 157 deportistas, das cales 30 serán mulleres. A proba para adultos constará de 3 saídas. Comezarán ás 15:30 coa saída masculina sen tempo de corte, ás 17:15 será a saída masculina con corte e finalmente ás 17:30 a saída feminina.

Neste caso as distancias serán de 5 km de carreira a pé antes de enfrontarse ao circuíto de ciclismo de 18,5 km co atractivo de ter que subir 3 veces ó Monte do Gozo e finalmente outra carreira a pé de 2,5 km. Confíase que a climatoloxía acompañe para poder desfrutar do 20 aniversario do evento deportivo tanto os máis de 580 deportistas como os familiares e público asistente.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.