O BNG convoca unha charla informativa sobre o espolio eólico na comarca dos Ancares

Contará coa participación de Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, Xan Blanco, alcalde do BNG en Mazaricos e Sabela Pérez, portavoz municipal do BNG en Becerreá
O Bloque Nacionalista Galego convoca en Becerreá a unha charla informativa sobre os impactos e afeccións da construción de diversos parques eólicos na comarca dos Ancares, como poden ser o caso dos parques Levante ou Piñeira, entre outros.
Celebrarase este venres, 10 de marzo, ás 21:30 horas na Casa da Cultura de Becerreá, e contará coas intervencións do deputado no Congreso do BNG, Néstor Rego, o alcalde do BNG en Mazaricos, Xan Blanco e a portavoz municipal do BNG en Becerreá, Sabela Pérez.
O BNG anima á veciñanza da comarca a participar nesta palestra na que se poderá contar con diferentes alternativas para defender á veciñanza afectada ante o espolio que as grandes empresas da enerxía están a practicar co beneplácito do Goberno da Xunta como do Estado.
De igual xeito, explicaranse solucións políticas para poder reverter os beneficios da produción de enerxía ás persoas que habitan no territorio.
Este tipo de palestras enmárcanse dentro da campaña da fronte patriótica Nin espolio, nin depredación. Enerxía eólica sustentábel, xusta e galega!.