O BNG de Ponteceso lamenta “a mala situación económica na que se atopa o concello despois dun mandato nefasto”

Fátima Rodríguez Gonzálvez manifesta a súa preocupación polo feito de que o concello lidere ránkings negativos entre os peores xestores do Estado, logo da información feita pública polo Ministerio de Facenda, que vén a poñer de manifesto a mala xestión dos últimos anos

Nestes días nos que asistimos abraiadas á fuxida cara  adiante do noso rexedor, nunha, máis que cuestionable, carreira por facer de Ponteceso un  Concello referente de calquera cousa, chama a atención que se esqueza de remarcar algo  no que xa somos, sen lugar a dúbidas, referente: a falta de atención ás obrigas coas  empresas que traballan para o Concello, é dicir, as débedas cos provedores.

Desde o BNG consideramos que Ponteceso non merece esta situación, xa que é unha absoluta irresponsabilidade o que se  están facendo desde a alcaldía cos cartos públicos. O alcalde hipoteca o futuro do noso concello mentres perde o tempo sen facer máis que anuncios propagandísticos de dubidosa utilidade.

Nun estado de estancamento como o que vén arrastrando Ponteceso, onde non se foi quen  nin de desenvolver en 3 anos os investimentos recollidos no propio orzamento de gastos  prorrogado desde 2020, resulta inaudito que se fale de boa xestión cando a realidade mostrada polo Ministerio de Facenda é ben diferente. Entre as facturas xa abonadas por Facenda no exercicio anterior e as facturas das que Facenda ten constancia como debidas a  fin de ano 2022, suman preto dun millón de euros.

Este venres remata o prazo para pedir a adhesión voluntaria ao Mecanismo de Pago a Provedores das Entidades Locais 2023, un mecanismo establecido polo Ministerio de  Facenda do Estado como salvavidas aos provedores dos municipios, para evitar que as empresas sufran problemas de liquidez polos incumprimentos dos gobernos locais e a súa mala xestión. A través deste mecanismo o propio Ministerio de Facenda faise cargo das facturas pendentes establecendo un sistema de financiamento aos Concellos, que dentro de 4 anos  terán que devolver o  adiantado polo Ministerio.

Desde o BNG comprometémonos a ter o diálogo como piar da nosa xestión e poñer todo do noso lado para garantir que o noso Concello teña cada exercicio un orzamento de gastos actualizado que recolla as necesidades reais de investimentos na nosa vila.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *