O BNG impulsará desde o Goberno local un plan de inclusión social e outro de saúde mental en colaboración co SERGAS

A concelleira do BNG Avia Veira –número 2 da lista do Bloque nas vindeiras eleccións municipais- mantivo un encontro coa directora do Comité Anti-Sida da Coruña, Sonia Valbuena, nun dos locais desta entidade social

“Coñecemos de primeira man o inmenso labor que realizan. Presentámoslles algunha das nosas propostas programáticas, mais sobre todo escoitamos as súas demandas e contrastamos as nosas visións sobre a situación social da cidade”, refire Veira.

Dous problemas destacan neste momento: o significativo aumento da drogadicción –nomeadamente a adicción á heroína- e o agravamento das doenzas mentais.

Un goberno local liderado polo BNG, avanza Avia Veira, enfrontará estes problemas co impulso dun Plan de Inclusión Social e outro de Saúde Mental, este último en colaboración co SERGAS ao ser a administración autonómica a que posúe as competencias en sanidade.

“O Concello ten que dar a cara ante estes problemas. Sobre o aumento das drogradiccións cómpre impulsar campañas de concienciación social que sirvan tanto para previr como para lidar coas situacións que infelizmente xa existen”, remarca Avia Veira. A este respecto, o BNG propón a formación de equipos de profesionais interdisciplinares para tratar este fenómeno na rúa.

Canto ao agravamento das patoloxías de saúde mental, o goberno local liderado polo BNG, avanza Veira, priorizará “novos perfís” á hora de dotar con máis persoal as equipas de atención social nos centros cívicos municipais. Fan falta neste sentido psicólogos e psicólogas sociais.

De resto, o BNG considera “crucial” promover os servizos de mediación como “fórmula” para resolver os conflitos sociais, “da forma máis pacífica posíbel e sempre desde a empatía”.

Son, en definitiva, “un conxunto de medidas que temos que impulsar desde xa ante o agravamento de fenómenos que atinxen de maneira moi directa a saúde pública e que derivan infelizmente na exclusión social de moitas persoas”.

“Concordamos tamén coa directora de CASCO que, en todo caso, o labor das entidades sociais ten de ser complementaria das administracións públicas, pero nunca substitutoria destas”, conclúe Veira.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *