O BNG visita a sede da AECC A Coruña e comprométese a trasladar as súas propostas ao Concello

A ONG ten 4.552 persoas socias na Coruña e colaboran con ela 203 voluntarias
O portavoz do BNG no Concello e candidato nacionalista á Alcaldía, Francisco Jorquera, e a concelleira e número dous da lista do Bloque para o 28 de maio, Avia Veira, mantiveron este martes un encontro co vicepresidente e a xerenta da Asociación Española contra o Cancro da Coruña, Carlos Lamora e Gema García-Abril, na sede desta ONG, no número 1 da Rúa Real.
“Ficamos impresionados co traballo desta entidade. Falamos dunha ONG que ten 4.552 persoas sociais na nosa cidade e coa que colaboran máis de 203 voluntarias”, indica Jorquera.
O BNG comprometeuse con Lamora e García-Abril a lle dar traslado ás súas propostas ao Concello.
“Consideramos as súas demandas moi razoábeis e desde logo darémoslle cabida no noso programa electoral”, avanzou Jorquera.
A ONG criada en 1953 e considerada de utilidade pública en 1971 pide que desde o Concello se aumenten os espazos sen fume, libres de tabaco, nomeadamente naqueles ámbitos frecuentados por menores: instalacións deportivas ao ar libre, praias, zonas verdes, prazas…”Algo tan doado como non deitar cabichas na rúa, dado o seu potencial carácter tóxico, é unha magnífica contribución á prevención dos cancros”, explica Jorquera.
O control do consumo do alcol e a promoción do deporte e dos hábitos saudábeis –a comezar polo coidado da alimentación nos comedores escolares- tamén figuran entre as propostas da asociación.
“Falamos dunha ONG que suple as carencias dos servizos públicos e que mesmo presta asistencia directa no plano a persoas necesitadas”, conclúe Jorquera.