O Grupo Socialista acusa a Feijóo de utilizar recursos públicos da Xunta para promocionarse en Madrid

O portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, acusou hoxe a Feijóo de pagarlle á empresa de Javier Negre 50.000 euros fraccionados 3 contratos para poder adxudicalos “a dedo” e sortear o procedemento aberto. Arangüena levou á Comisión de Política Institucional una pregunta sobre estes contratos “disfrazados como promoción do Camiño de Santiago” e formalizados coincidindo coa marcha de Feijóo a Madrid.
Sinala que “todo apunta na miña opinión a que o goberno de Feijóo incorreu en prevaricación porque fraccionou irregularmente un contrato que debera ser aberto á concorrencia competitiva. O contrato foron adxudicados o 8 de abril de 2022, 6 días despois de ter sido proclamado presidente do PP, e os outros dous o 24 do mesmo mes, 5 días antes da súa dimisión como presidente da Xunta.
Ademais, dixo, “nin sequera presta o servizo” polo que foi contratado, porque “non hai promoción do Camiño” máis alá de que a través da súa canle de Youtube afín á extrema dereita e nas súas redes informara o 30 de setembro de que iniciaba o Camiño. Apunta que “os únicos contidos relacionados cos contratos son unha serie de vídeos curtos feitos cun móbil no que relata o percorrido polo Camiño, que inclúe cualificar a Caballero como ‘alcalde chavista’ de Vigo”.
Pablo Arangüena reclámalle á Xunta que lle facilite ao Parlamento copia do expediente completo de adxudicación dos contratos formalizados en abril de 2022 coa empresa EDA Consulting TV SL, así como un informe detallado sobre os servizos prestados como contraprestación dos 50.000 euros desembolsados.
O responsable socialista acusou a Feijóo de “regalarlle cartos de todos os galegos e as galegas a un ultra difamador que cada día carcome os fundamentos da nosa democracia”, e de facelo “xusto antes de irse a Madrid, pero tamén para que difame, ataque e vilipendie a todos os que non comulgan coa ideoloxía das dereitas”. Criticou que “financie con cartos públicos a medios afíns a Vox para que o traten ben”, o que “o inhabilita como candidato á presidencia do Goberno”.
Apunta que “o que fixo Feijóo é un atentado contra a democracia, porque financia irregularmente con cartos públicos a un medio e a un xornalista que agrede á democracia, que sementa odio, bulos e fake news, como declararon varias sentenzas antes e despois”.
Aludiu a que o xornalista “foi condenado xudicialmente en 4 ocasións por mentir e difamar e faltar a calquera tipo de ética coa súa actividade”, unha delas “por inventar unha entrevista cunha vítima de violencia” e outras 3 pola súa actividade durante o Estado de Alarma nunha canle de YouTube que foi pechada en 20 ocasións por infrinxir a política de acoso e ameazas da plataforma.