O Grupo Socialista responsabiliza á Xunta do “desbalance” de máis 500 millóns de euros que Galicia perde cada ano pola diferenza entre o capital que entra do exterior e o que sae

O portavoz de Política Exterior do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, alertou hoxe da “descapitalización” da inversión produtiva en Galicia polo fracaso da estratexia de captación de inversión do goberno galego. Esta provoca un “desbalance” dun mínimo de 500 millóns de euros en contra pola diferenza entre o capital que entra procedente do exterior e o que esta Comunidade Autónoma inviste no estranxeiro.
Así o dixo na comparecencia do director xeral do Igape para dar conta da Estratexia de internacionalización ata 2025, na que acusou ao goberno galego de ofrecer cifras “sesgadas e triunfalistas” que “non se corresponden coa realidade”. Criticou que “presuman” dos resultados de Inditex, Stellantis e a refinería de Repsol en A Coruña, que supoñen máis do 50 por cento das exportacións, pero cos que a Xunta “non ten nada que ver”.
Dixo que o balance do Igape resúmese en “propaganda e esforzo do tecido empresarial galego, que é dinámico a pesares do escaso apoio da Xunta”. Lembrou os sucesivos “fiascos” de tódolos esforzos do goberno galego por atraer capital, comezando polos 22 buques de Pemex que quedaron en 2, a planta de baterías de Mitsubishi que nunca se concretou ou á factoría de Beijing 3E que tamén desapareceu do mapa.
Acusou ao máximo responsable do Igape de anunciar hoxe un “documento vivo” pero que en realidade “é invisible”, xa que a estratexia de internacionalización non está colgada na web do portal de transparencia da Xunta nin na do Igape, máis alá dun “resumo de 20 páxinas dun power point que podería ter sido elaborado por un bolseiro minimamente espabilado”.
Dixo que a industria galega ten rexistrado a segunda peor evolución entre tódalas comunidades autónomas do Estado, só por diante de Castela e León, cunha caída do 1,5 por cento no índice de produción industrial que no conxunto de España medra un 2,4 por cento. Ademais, as exportacións medraron un 18,3 por cento debido en parte ao efecto da inflación, mentres o crecemento é inferior ao 23 por cento do conxunto do Estado.
Pablo Arangüena cuestionou a xestión do responsable do Igape, un organismo que segundo o Consello de Contas acumula impagos do 48 por cento nos préstamos, “unha auténtica barbaridade que implicaría o cese inmediato do responsable de calquera empresa privada”. Engadiu que, segundo o ente fiscalizador, as perdas do capital da Xunta ascenden ao 58 por cento do investimento en sociedades de capital risco e fondos de inversión, “un auténtico desastre”.