Pilar García Porto: “Temos a capacidade e a experiencia necesarias para gobernar Antas”

A militancia socialista de Antas de Ulla ratificou por unanimidade a Pilar García Porto como candidata a Alcaldesa nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, polo seu “fondo coñecemento da realidade e das oportunidades do seu concello e da súa comarca, pola súa capacidade de traballo e ampla experiencia de xestión, polo seu proxecto de futuro para Antas, e polo seu compromiso cos seus veciños e veciñas, que demostra cada día”.

Uns valores que destacou sobre García Porto o Secretario Xeral do Partido Socialista na provincia e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, quen se mostrou convencido de que a candidata “será a próxima Alcaldesa de Antas de Ulla” e “abrirá un novo ciclo ilusionante de progreso e de desenvolvemento para o seu concello, que tanto necesitan e merecen os veciños”.

A socialista incidiu precisamente en que o seu obxectivo e o de todo o seu equipo “é recuperar a esperanza e a ilusión para o noso concello, e devolver o sentimento de orgullo de Antas de Ulla”, que “merece unha oportunidade, e nós podemos e vámoslla dar”.

“Eu, ao igual que os meus compañeiros e compañeiras de candidatura, nacín en Antas, crieime aquí e, despois de estudiar e de traballar durante un tempo fóra, volvín para instalarme na miña terra. Por iso, e porque Antas está cheo de oportunidades, queremos traballar man a man cos veciños e veciñas para que calquera persoa que queira deseñar en Antas o seu proxecto de vida atope no Concello e na Alcaldía un cómplice, un colaborador implicado”, destacou Pilar García Porto.

Ampla experiencia de xestión para asumir a Alcaldía

A candidata está preparada para “afrontar a xestión do Concello dende a Alcaldía e gobernar Antas”. “A experiencia destes anos na Deputación ao fronte de áreas como economía, cultura, patrimonio histórico artístico, recursos humanos, promoción do territorio e turismo, danme a confianza necesaria para afrontar a Alcaldía xunto ao equipo que leva anos traballando comigo e apostando por Antas e polos seus veciños na oposición”, explicou a candidata socialista. “Somos un equipo sólido que sempre traballamos en positivo con rigor e humildade. Estamos preparados para darlle a Antas de Ulla e aos nosos veciños a oportunidade que merecemos”, recalcou.

Diálogo e colaboración co resto de administracións

Así mesmo, asegurou que contar co respaldo dun partido político “que goberna na actualidade en institucións importantes para os concellos, como son a Deputación de Lugo ou o Goberno do España, é fundamental para forxar alianzas que permitan conseguir apoios para sacar adiante proxectos de futuro no noso concello, tanto a nivel de infraestruturas, emprego, servizos sociais ou de iniciativas económicas”.

Neste sentido, incidiu na necesidade “dun diálogo e colaboración permanente coas demais administracións para acadar os servizos que necesitan os veciños, axudas económicas para novos proxectos e complicidade cos concellos limítrofes”. “Un Concello, un equipo de goberno, un Alcalde que se illa das outras administracións leva ao seu municipio á perda de servizos, de oportunidades e ao fracaso”.

Os veciños, no centro das políticas

A candidata socialista comprométese a unha xestión “transparente, coas contas claras, coas persoas no centro das nosas políticas, con humildade e sen contar as horas ou o tempo que os veciños necesitan, como fixemos ata o de agora”. “Sempre que alguén o precisa, estamos para axudarlle individualmente, pero tamén temos a man tendida aos colectivos con calquera proxecto ou cuestión que plantexan”, asegurou, engadindo neste sentido que “o tecido cultural, deportivo e veciñal de Antas necesita apoio e diálogo por parte do Concello, información e complicidade na tramitación da documentación”, algo que ofrecerán os socialistas, tal como recollen no seu programa electoral, “que é o documento que asinamos para gobernar Antas”.

Garantir servizos básicos: estradas, traídas e alcantarillado

Un programa electoral no que as prioridades, tal e como explica Pilar García Porto, pasan por garantir á veciñanza “servizos básicos de calidade”, centrando a atención “nas estradas, no abastecemento de auga e no alcantarillado para as aldeas e a vila”, así como no “acondicionamento de espazos públicos no casco urbano que renoven a imaxe de Antas, recuperando para uso público e social edificios como a Casa da Hermandade ou as Casas Escola nas aldeas”.

Servizos sociais para a atención ás familias

Para os socialistas, son imprescindibles ademais “os servizos sociais para a atención ás familias”, como a creación dun centro de día ou o impulso de actividades e talleres para as persoas maiores, e medidas para favorecer a conciliación familiar ofrecendo espazos para os nenos e nenas, mentres os pais e nais traballan.

Creación de solo industrial para crear emprego e actividade económica

Para a promoción do emprego e da actividade económica que necesita Antas, os socialistas traballarán para crear solo industrial na localidade. O feito de que non exista esta dotación motivou que os empresarios “fuxisen ao polígono de Monterroso, e está freando o desenvolvemento do noso concello”, asegurou a candidata a Alcaldesa, quen propón tamén “reducir impostos municipais e igualalos con concellos do lado” como factor fundamental “para competir en igualdade”. “Baixar o IBI en rústica e urbana e regularizar o cobro da auga son dou obxectivos prioritarios”, detallou.

Promoción dos exclusivos recursos patrimoniais e naturais

No ámbito económico, Pilar García Porto avanza que “promocionar os recursos patrimoniais e naturais de Antas para poñernos no mapa aproveitando as referencias exclusivas do noso territorio, como ser o Centro Xeográfico de Galicia, ter o nacemento do Ulla e contar cun grande patrimonio natural e arquitectónico, son elementos que vamos a poñer en valor para desenvolver rutas, visitas e talleres de coñecemento, espazos de traballo compartido que atraerán a moitas persoas e proxectos a Antas, e que son unha fonte de oportunidades para o futuro”.

“Dúas décadas de perda de servizos ás que queremos poñer fin”

“Para o noso concello pasaron dúas décadas de perda de servizos, ás que queremos poñer fin. Cada vez imos a menos, pois pechou o Cuartel, pecharon oficinas bancarias, reduciuse o horario de Correos e hai menos médicos. Vinte anos deixando morrer e escapar oportunidades. Antas de Ulla merece unha oportunidade e nós podemos darlla”, concluíu Pilar García Porto.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *