Lugo diante a encrucillada electoral do domingo

@gonzalogsoto
O vindeiro domingo á cidade de Lugo ofréceselle un reto, unha oportunidade de ir a un novo modelo de cidade máis humanizado para vivir e convivir nun espazo de lecer, poñendo en valor o seu inmenso patrimonio ou seguir os patróns de sempre, contrastados de xeito reiterado polo coñecemento empírico e reiterado das súas veciñas e veciños. Velaí a súa responsabilidade. Mais este reto tén un custo ineludíbel para quen asuma esa responsabilidade ou, según se mire, ousadía, feito que puidemos comprobar ao longo destes catro anos na persoa de Rubén Arroxo, hoxe candidato á alcaldía polo BNG, cos seus atinos e, seguramente, tamén erros, pero sempre nunha liña clara dun novo modelo de cidade máis humanizado, respectuoso cos seus valores culturais, patrimoniais, o medio ambiente e, en xeral, o seu ecosistema. Ou sexa, unha cidade para vivir e lecer. Unha xeira ateigada de limitacións e atrancos cos que se atopou, á vista temos moitos exemplos.
Pola outra banda, as resistencias instaladas no statu quo no que floreceron con uns e outros a máis vergoñenta especulación, o Garañón e o Quinteiro, do que son responsables á destra e á sinistra, son un bo exemplo delo. Mais, desgrazadamente, existen moitos outros anteriores aos citados, como por exemplo, o de furtarlle o seu espazo a unha das xoias desta cidade, o río Miño. Alí vimos levantar outra mole de formigón, o que hoxe é o centro comercial Carrefour, así coma outras construcións, equipamentos e un longo suma e segue. Hoxe, a proxectada Ronda Leste, se as veciñas e veciños de Lugo non o remedian, pode ser unha versión actualizada de aquela desfeita.
Pero o que máis lle chama a atención a calquer observador ou simplemente curioso, é o método empregado no exercicio de tales resistencias, non precisamente o empregado por Descartes fronte ao antigo réxime estamental e de privilexio, senón outro máis “ramplón” ( ou dito na nosa lingua, badoco), máis acaído aos tempos do ilustre cacique, don Pepe Benito Pardo, no que todo se facía á vella usanza, onde os favores confundíanse cos dereitos; chegando neste caso a algo moito menos sutil: as ameazas de morte.
Lembren amigos e amigas lucenses algún exemplos que ilustran e motivan o que aquí estou a dicir:
Comezo por unha figura senlleira dun converso ao socialismo, don Jesús Vázquez, presidente da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo, unha figura que non desaproveita a ocasión para meterlle a china no ollo ao devandito tenente de alcalde, Rubén Arroxo; primeiro foi o lío do autobús, logo o cimeterio, e no medio dos dous conflictos, para ir quentando motores, organiza unha cea “privada” á que acoden máis de cen devotos en confraternal irmandade, incluída a señora alcaldesa que se presentou coma unha deusa, ateigada de agasallos co logo do Concello de Lugo para todos os presentes. Naquel ágape, seguendo a máxima de Séneca de que estómago baleiro non atende razóns, pois seica o único obxecto e razón de aquela noite, aínda que non era época electoral, era falar do sufraxio deste mes das flores, e que a vontade dos alí presentes debería converterse en vinte sufraxios, e así redimir aquela alma en pena, alí presente.
Aquela noite de pascua non ía pasar desapercibida como era a sá intención do anfitrión, pois unha das presentes que non debía ser moi devota dos da rosa vermella, deulle por sacar o trebello e gravar o que alí estaba a vivir, feito que correu como a pólvora. Un atentado contra a privacidade de tan inocente xuntanza. A reacción inmediata do converso foi a ameaza de poñer o asunto nas mans da xustiza, ou sexa, ir á fonte limpa como cómpre a todo home de lei. Descoñezo, pois, se aquel asunto chegou aos tribunais, xa que segundo a información de fontes autorizadas da cidade das murallas, a suxeita do trebello resultou ser unha aforada do partido da gaivota e familiar do señor de Albeiros, o outro xerarca vitalicio da organización veciñal e aliñado coa causa da señora Candia, unha estratexia da “casa” por aquilo de que unha posible alternancia no poder local e provincial non poña en perigo os froitos cos que se alimenta dita organización veciñal.
Mais o sucedido naquela noite de farra ía traer consecuencias inesperadas na outra corredora maratoniana e sen acougo cara á alcaldía, Elena Candia, esa nova veciña de Lugo, con casa aberta e con fume entre murallas e que malia á brevidade sedentaria no novo lar, xa leva percorrido e controlado o que se move en cada recuncho, petando a todas as portas que lle abriron para explicarlles a súa boa nova. A reacción máis salientable da mindoniense a aquela cea da discordia, foi o anuncio días despois dunha nova asociación no punto cero da Milagrosa. Unha iniciativa máis da política da dereita e que na súa primeira aparición pública, o potencial presidente da nova organización empurrou un potente torpedo contra o búnquer de Jesús I da Milagrosa. Aos poucos días, aparecería outra asociación do mesmo signo no Sagrado Corazón, criticando duramente o que fai a outra asociación federada ao eixo. O que se chega a facer para gañar a vontade allea! “Cosas veredes, Sancho, que farán fablar las piedras”.
Cambiando de póla e seguir no mundo bucólico dos pastores da política lucense e as cousas que tamén foron noticia, sempre na liña de desgaste do currante líder nacionalista. Tan malo e perigoso é?
Caso cemiterio sobre o horario de enterramentos.-
O cemiterio, área da que é responsable a concelleira Cristina López Fernández (BNG) e sen entrar na conveniencia de ampliación do horario ás tardes, que seguramente poden existir razóns que o aconsellen, mais do que aquí se trata é entrar no papel dos actores políticos e parapolíticos que interviron na regueifa, na que Lara Méndez sobrepasou os límites básicos que deben presidir a lealdade institucional de todo pacto de goberno, utilizando explícitamente este asunto para dirixir as súas críticas máis feroces á área encargada deste servizo e, por extensión, lanzarlle outra china á córnea do seu tenente de alcalde. Sobre este teor e tal como tén transcendido nos medios de comunicación, o feito de reducir o horario de enterramentos, foi debido a que existen tres prazas vacantes sen cubrir neste servizo, provisión de prazas que foi solicitada por Cristina López no pasado agosto á correspondente área de persoal, dirixida neste caso por dona Paula Alvarellos (PSOE), asunto ao día de hoxe sen arranxar e que por razón das súas competencias administrativas correspondería ao grupo socialista. A Deus o que é de Deus e ao César o que é do César! Ante este feito, non é entendible, pois, o posicionamento da alcaldesa que en vez de colaborar para arranxar este asunto, desenténdese del botándolle os cans ao seu veciño e socio de goberno, dicindo: “ A xestión do cemiterio correspóndelle ao BNG, que tén capacidade para sacar un contrato para dar ese servizo atendendo ás demandas da cidadanía dunha forma externalizada mentras se tramita a creación de novas prazas, como fan outros departamentos para poder asumir as prestacións que dependen deles”.
Atendendo á literalidade das palabras da señora alcaldesa (aínda que non fora esa a súa intención) dedúcese claramente que a responsable da área do cemiterio obrou correctamente solicitándolle á área de persoal a provisión das tres prazas vacantes, que orgánica e administrativamente é a quen corresponde resolver tal situación, independentemente de quen xestione o servizo de cemiterio. De non ser así, para que está a área de persoal? Ou admite a señora alcaldesa que non existe coordinación entre unhas áreas e outras? Velaí onde tén a señora alcaldesa as facultades que lle outorga a Lei de Bases de Réxime Local, que tan oportunamente exhibe. Non, dona Lara, esas explicacións carecen de todo rigor, envolva como envolva o paquete no que tén intervido o do lobby da Milagrosa.
Urbanismo
O urbanismo en Lugo é unha asignatura pendente que marcou dalgún xeito as pautas da precampaña e campaña electoral, un mal endémico que non semella ter cura, no que se reparten evidentes responsabilidades entre as dúas principais forzas políticas (PP-PSOE), que non foron quen de implementar as bases que fixera desta cidade un enclave máis humanizado, moderno e compatible cos seus valores patrimoniais, paisaxísticos e históricos, valores que agocha tanto no seu interior como na súa contorna. Un obxectivo que, malia as súas limitacións competenciais foi visualizado con ideas e feitos dende a área de Rubén Arroxo, demostrando que outro modelo de cidade é posible. Mais esta forma de entender o que debe ser Lugo para intentar lograr tal obxectivo, acarreoulle ao seu autor todo tipo de críticas e atrancos, incluso as ameazas que van moito máis aló do xogo limpo que debe presidir calquer corporación plural e democrática.
Non se trata en modo algún de defender nin tan sequera xustificar o labor deste representante público, pois seguro que él e o seu partido poden facelo con moita máis razón e contundencia cá deste modesto xornalista foráneo, pero que sente un especial agarimo por esta cidade e as súas xentes, e que lle gustaría ver a Lugo posto en valor e no lugar que lle corresponde consonte ás súas enormes potencialidades.
Seguindo no eido do urbanismo, ademais dos atropelos sinalados, a proxectada Ronda Leste veunos a renovar a memoria de que outra atrocidade irreversible ao noso patimonio natural estaba a piques de consumarse, abríndose un debate no que só defendeu a súa execución o Partido Popular. A temperatura sobre esta materia chegou a tal cumio que se escoitaron propostas tan radicais e irracionais por parte da dereita, incluso que se chega a gobernar procedería a redacción dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Ante semellante proposta, seguramente os cidadáns de Lugo cavilarían: se levamos máis de 20 anos para rematar o vixente PXOM e aínda queda un 5% pendente; outro novo, outros 20 anos e todos calvos.
Segundo a miña modesta opinión, suxiriría aos dirixentes e asesores da dereita maioritaria lucense que antes de facer propostas de tal natureza, estuden detidamente a vixente Lei do Solo de Galicia, pois nela atoparán mecanismos para facer reformas puntuais que, seguramente, serán necesarias; tamén ver a posibilidade de promover Plans Especiais de Protección (ar. 70 e ss. da LSG) para espazos ou ámbitos singulares merecentes de tal protección como pode ser a zona do Rato, ameazada polo proxecto formulado pola Xunta de Galicia para este espazo.
Non me sorprende que a señora Candia amose unha especial preocupación nesta materia, pois os seus predecesores de adscripción política non foron ningún exemplo a seguir, agás para encherlles o peto aos especuladores de sempre. Esta preocupación levouna posiblemente a cometer un dos erros máis salientables desta campaña, como foi o feito de presentar en público as seus futuros operadores urbanísticos, dando xa por feito a súa chegada á alcaldía, un deles procedente das filas da actual alcaldesa, á sazón de concelleiro de urbanismo. A onde chega a ambición! A iso, señora Candia, chámase vender a pel antes de cazar o oso.
Na lexislatura que remata, a confrontación verbal visualizada en función dos intereses partidarios de cada quen, auspiciados e instrumentalizados en connivencia con sectores do movemento asociativo local contra Rubén Arroxo, non tén precedentes. Tal conduta foi creando un clima de crispación calculado, caldo de cultivo de desaprensivos, chegando incluso a producirse ameazas de morte, protagonizadas por un coñecido lucense, que ninguén quería coñecer, malia a aparecer en animados e compartidos actos e francachelas de distintas asociacións. Uns feitos presuntamente delictivos que foron de dominio público a través das redes sociais e que todos os lucenses e non lucenses puidemos ver e coñecer, menos a fiscalía que non viu obxecto nin causa e arquivou o asunto e conto rematado. Cousas da xustiza!
Estes acontecementos e o traballo ben feito deste servidor público e candidato á alcaldía, espertou a solidaridade e empatía de moitas e moitos lucenses de ben, sentimento que comparte este cronista e lucense de devoción. Moita sorte!!!