Psicólogos/as do COPG fórmanse sobre a resposta e a intervención nas situacións de emerxencias e trauma

O Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) organiza para o sábado 27 de maio unha sesión formativa sobre intervención psicolóxica en emerxencias e trauma
O obxectivo desta actividade é dotar aos psicólogos e psicólogas dos coñecementos necesarios para comprender as variables que se poden observar nunha situación de emerxencia e que poden determinar a orixe de patoloxías na saúde mental. Asemade, tamén se abordarán diferentes técnicas de intervención para minimizar o impacto psicolóxico e previr a posibilidade de desenvolver patoloxías traumáticas.
O curso será impartido de maneira telemática de 9:30 a 14:00 horas e de 15:30 a 18:00 horas por José Navarro Góngora, profesor da Facultade de Psicoloxía de Salamanca e da Universidade de Jyväskylä (Finlandia), quen tamén é director dos Másteres en Terapia Familiar e de Parella (Universidade de Salamanca) e de Intervención en Crise e Trauma UNIBE (República Dominicana). Ademais, traballou como consultor de programas de Psicoloxía da Saúde e de Intervención en Crise para a Unión Europea en Asia Central así como para programas de intervención en crises masivas en España e en América (Haití, México, República Dominicana, Chile e Ecuador).
Na sesión, analizaranse as variables que inflúen na resposta das persoas afectadas nunha situación de crise e que poden desencadear o trauma. Tamén se abordarán as estratexias de intervención ao longo das fases da crise e as medidas necesarias para garantir o benestar emocional dos e das profesionais antes, durante e despois da intervención. Neste sentido, o profesor Navarro Góngora subliña que “a psicoloxía de emerxencias é unha cuestión que non aparece nos programas do grao en Psicoloxía, sendo tamén testemuñal no máster de Psicoloxía Xeneral Sanitaria”.
As situacións críticas son experiencias polas que pasan os seres humanos que poden provocar cambios de maneira radical, aumentando as posibilidades de desenvolver patoloxías mentais, especialmente cando hai unha reiteración deste tipo de acontecementos. Actualmente estímase que o 6,8% da poboación adulta sofre de estrés postraumático: o 3,6% dos homes e o 9,7% das mulleres.
O GIPCE
O Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias do COPG xurdiu en 1996 e dende 1997 ten convenio coa Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para dar atención psicolóxica especializada e profesionalizada a vítimas e familiares da nosa comunidade ante situacións de emerxencia e catástrofe cos obxectivos de minimizar o impacto neles, restaurar as súas capacidades e recursos e previr posibles problemas psicolóxicos posteriores. A intervención do GIPCE pódese solicitar as 24 horas dos 365 días do ano a través do Centro de Atención a Emerxencias 112.