Rueda anuncia 60 contratos estables por tres anos a persoal residente hospitalario que remata a súa formación

Avanza que estarán repartidos en 23 especialidades e nas sete áreas sanitarias

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai ofertar 60 contratos estables por tres anos de duración ao persoal residente hospitalario (MIR, FIR, PIR), que finaliza en maio a súa formación. Segundo salientou, a través deste “novidoso” programa garántase a remuda xeracional de médicos especialistas nos hospitais galegos, xa que estes novos contratos serán repartidos en 23 especialidades e nas sete áreas sanitarias.

O mandatario galego defendeu esta iniciativa —autorizada hoxe no Consello da Xunta —ante a situación “complicada” que se prevé para 2027, xa que, segundo as estimacións, ata esa data e cada ano, 60 facultativos de hospital alcanzarán a idade máxima para xubilarse, situada en 70 anos, “e isto prodúcese no actual contexto de déficit de profesionais”, advertiu. Por este motivo, considerou de “grande importancia” estes novos contratos para 60 residentes de medicina, farmacia e psicoloxía. “Queremos prever esta situación, adiantarnos e buscar solucións”, argumentou con respecto a esta medida.

Rueda explicou que aos candidatos para esta oferta laboral se lles vai baremar tendo en conta, entre outros aspectos, as cualificacións de formación universitaria e a avaliación final do período de residencia. Ademais, puxo en valor que estes profesionais adquirirán experiencia cos mesmos compañeiros que se van xubilar e aos que se prevé que vaian substituír nos vindeiros anos co obxectivo, sempre que sexa posible, de que a persoa residente continúe na mesma área na que traballaba ata agora.

Dos 60 contratos, 9 son para a área sanitaria da Coruña e Cee; 7 para a de Ferrol; 9 para a de Santiago de Compostela e O Barbanza; 9 para a de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 9 para a de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 8 para a de Pontevedra e O Salnés, e 9 para a de Vigo

Programa que terá continuidade en vindeiros anos

Rueda precisou que esta iniciativa é un programa inicial de remuda xeracional correspondente a este ano,xa que logo da súa avaliación, virá seguido no 2024 e anos seguintes de programas semellantes dirixidos a promover a pretendida remuda xeracional e a continuidade asistencial nas áreas que contan con persoal especializado.

Ademais, aclarou que este contrato é compatible co sistema ordinario de cobertura de vacantes por listas, que seguirá funcionando igual para chamar a profesionais ante baixas por xubilación ou outras cuestións, e lembrou que este plan se suma á oferta de 197 prazas de concursos de méritos para especialistas en hospitais comarcais e áreas de saúde mental, que saíu hoxe publicada no DOG.

Un comentario

  • JULIO ASOREY

    Podría anunciar la desaparición de los “contratos basura” para siempre de la Medicina y así no veríamos en las consultas de medicos de familia a diferentes médicos y auxiliares que tan pronto acaban tu consulta ,finalizan tambien su contrato al instante y en la semana siguiente firman otro igual ,para otro ambulatorio distinto.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *