PSdeG. «O PP quere forzar a entrada no Consello Agrario dunha asociación afín liderada polos herdeiros da disolta Asaja»

por Redacción Galicia

. O portavoz de Gandería e Agricultura do Grupo socialista, Martín Seco, denunciou que o PP quere modificar a Lei que regula o Consello Agrario de Galicia para darlle entrada “pola porta de atrás” á asociación afín herdeira de Asaja. Aquela organización foi disolta en 2016 por quebra económica, e o seu líder, Juan Pérez Miramontes, foi condenado por fraude a Seguridade Social e estivo 6 meses en prisión dentro dunha causa aínda aberta por trata de mulleres.

Martín Seco acusa ao PP de “romper as regras de xogo” cunha modificación legal incorporada “pola porta de atrás” a través da Lei de Acompañamento

O responsable socialista acusou ao PP de “romper coas regras do xogo” empregando unha táctica “sonroxante” de modificar a Lei a través da Lei de Acompañamento aos Orzamentos de 2024 “co único obxectivo de beneficiar aos herdeiros da organización de Pérez Miramontes”, que antes se chamaba Asaja e agora denomínase Asaga.

Coa modificación introducida polo goberno galego, o Consello Agrario pasará de ter 12 vogais das organizacións máis representativas a só 8, ademais de outros 4 para a asociación con maior número de representantes nas últimas eleccións aos Consellos Reguladores de Galicia. Denuncia que a Xunta quere modificar ad hoc a representatividade do sector agrario “sen pasar por unhas eleccións democráticas” co fin de forzar a representatividade dos seus socios da antiga Asaja.

Esíxelle ao presidente da Xunta que explique no Parlamento a súa vinculación con esta organización despois do trato de favor que lle da aos seus herdeiros por vía da Lei de Acompañamento. Lembra que a antiga Asaja fora disolta en 2016 por quebra económica, ademais de que o seu líder, Juan Pérez Miramontes, foi condenado a 6 meses de prisión e a devolver 655.000 euros por fraude á Seguridade Social entre 2012 e 2015.

Advirte que Pérez Miramontes, que “fora fotografado en varias ocasións navegando co expresidente do goberno Mariano Rajoy”, ten outra causa aberta pola que estivo 6 meses en prisión en relación cunha rede de trata de mulleres con fins de explotación sexual.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario