PP de Viveiro: «O goberno local engana aos veciños con respecto á reforma do parque Pernas Peón»

por Redacción Lugo

O Grupo Municipal do PP de Viveiro advirte que o goberno local engana aos veciños con respecto á reforma do parque Pernas Peón.  Proba delo é que os traballos, segundo desvelan os populares, xa levaban “contratados e atados” un mes cando o Concello abriu o proceso de consulta veciñal para definir os usos e servizo destas instalacións.

Para a voceira desta formación, Mariña Gueimunde, este proceder “é unha falta de respecto aos vivairenses” e relata a cronoloxía:

6 de febreiro, a entidade local solicita presuposto por valor de 1.012 euros para a pintura da área de basket e uns tableiros de xadrez a dúas cores sobre as mesas de pedra.

7 de febreiro, apróbase a proposta de gasto.

8 de febreiro, o Concello contrata os traballos indicados no presuposto solicitado.

16 de febreiro, o goberno local inicia a consulta cidadá.

– A pasada fin de semana, a entidade local dá a coñecer os resultados. Entre as peticións realizadas pola cidadanía inclúense un circuíto multidisciplinar, un parque de calistenia ou unhas canastras.

O GOBERNO LOCAL TEN QUE PEDIR DESCULPAS

“Parécenos unha tomadura de pelo. Non se pode consentir, indica Gueimunde, que se lle minta así á xente. Non podemos quedarnos calados ante un engano  deste tipo: solicitan a participación cidadá cando xa tiñan todo definido”.

Neste senso, dende o PP consideran que o goberno local “debe pedir desculpas publicamente a todos os veciños e veciñas que participaron e que fixeron as súas aportacións. “Non se merecen que se lles minta, nin se lles faga perder o tempo, bastante templeza están amosando coas cousas que están a acontecer”, conclúen os populares.

“Cando no contrato menor falaban de preparación da zona para o deporte, o goberno encargaba o pintado das mesas con taboleiros de xadrez. Agora entendemos o desapego que ten co deporte e a falta de compromiso coas instalacións deportivas municipais que agonizan mentres xogan ao despiste e confunden á cidadanía por non ter a valentía suficiente para dar a coñecer as súas erráticas decisións e tapar así a mala xestión con anuncios prefabricados para facer ver que fan”, sentencia Gueimunde.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario