O Pleno do Parlamento aprobou hoxe parcialmente unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que incorpore a educación afectivo – sexual ao ensino obrigaotrio a partir do próximo curso. A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, presentou esta iniciativa, na que o PP esixiu retirar o apartado que reclamaba loitar por unha Galicia libre de prostitución.
A iniciativa, aprobada parcialmente pola imposición do PP, inclúe un programa específico de formación ao profesorado en materia afectivo – sexual, e o incremento de programas de formación en igualdade e prevención da violencia machista en ámbitos como o sanitario, a educación ou a xustiza ou profesións relacionadas co eido social. Tamén reclama actualizar o protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero en Galicia.
Obriga ao goberno galego a presentar de urxencia un informe de seguimento da execución do I Plan Galego contra a trata de seres humanos, e reclámalle que colabore coa Fegamp para implantar un Protocolo contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas nos espazos de lecer nocturno. Finalmente, pide impulsar campañas de sensibilización e información para contrarrestar as mensaxes negacionistas.
Castro lamentou que o PP esixira retirar da proposta puntos como perseguir a proxenetas e tratantes de seres humanos con fins de explotación sexual e traballar por unha Galicia libre de prostitución, garantindo sempre a protección das mulleres prostituídas. Tampouco quixeron modificar o decreto que fixa os requisitos para o recoñecemento e acreditación dos Centros de Información á Muller.
Tampouco quixeron comprometerse a abrir no ano 2025 os centros de crise 24 horas de Pontevedra e A Coruña, nin a estender rede de centros de acollida ou vivendas de transición para vítimas de violencia de xénero ás cidades de Pontevedra e Santiago.
Vergoña colectiva
A deputada socialista Paloma Castro lanzou unha chamada á acción para combater a violencia machista, un problema estrutural que definiu como «unha vergoña colectiva». Castro lembrou na súa intervención no Pleno do Parlamento que este ano en Galicia catro mulleres perderon a vida a mans das súas parellas ou exparellas, “un drama que exemplifica o último paso na expresión de poder e posesión dun home sobre unha muller».
A socialista desgranou os datos que arroxa en Galicia a violencia contra as mulleres: “Preséntanse unha media de 19 denuncias por violencia de xénero e no primeiro semestre de 2024, 448 mulleres solicitaron ordes de protección, das que só se concederon o 63,8%”. A pesar de contar cun marco lexislativo pioneiro, como a Lei 11/2007 galega para a prevención da violencia de xénero, a deputada criticou que «sen políticas públicas efectivas, estas leis non pasan do papel».
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a:
1. Incluír a educación afectivo-sexual nos proxectos curriculares dos centros de ensinanza obrigatoria a partir do vindeiro curso 25/26.
2. Planificar e establecer un programa específico de formación ao profesorado para garantir e impulsar a partir do vindeiro curso 25/26 actividades e recursos formativos en materia afectivo sexual, en primaria e E.S.O, en todos os centros públicos da comunidade.
3. Incremento de programas de formación en igualdade e prevención da violencia machista, en ámbitos como o sanitario, a educación ou a xustiza ou profesións dentro do eido social. Esixindo esta formación aos profesionais que desenvolvan a súa actividade en servizos externalizados pola Xunta do eido social, familiar ou xurídico.
5. Actualizar o Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia co fin de dar unha resposta multidisciplinar efectiva a todas as mulleres vítimas (xurídica, económica, psicolóxica, laboral, habitacional).
6. Presentar no Parlamento de Galicia antes de que remate o actual período de sesións ou no primeiro trimestre de 2025, un informe de seguimento da execución do I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024.
10. Colaborar, a través da Fegamp, na implantación en todos os concellos galegos do Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTI fóbicas nos espazos de lecer nocturno.
11. Impulsar campañas de sensibilización e información, dirixidas aos diferentes sectores de poboación, co fin de contrarrestar as mensaxes negacionistas e incrementar a concienciación e comprensión pola cidadanía das distintas manifestacións das formas de violencia contra as mulleres”.