O PPdeG exixe a Europa políticas que protexan o sector primario

por 21 Noticias

O PPdeG reivindicou hoxe no Parlamento Europeo a necesidade de facer política «desde o territorio e para o territorio» para garantir non só o futuro do sector primario galego, senón tamén o relevo xeracional no rural e a incorporación da mocidade a actividades como a agricultura ou a gandaría.

No marco do Congreso de Mozos Agricultores e Gandeiros celebrado hoxe na sede da Eurocámara en Bruxelas, o coordinador de Medio Rural dos populares galegos, Avelino Souto, quixo subliñar a importancia de abordar este tipo de cuestións precisamente no lugar «onde se toman as decisións máis importantes para os gandeiros e agricultores galegos».

«Hai que poñer enriba da mesa cuestións como a redución da burocracia, os incentivos económicos para a mocidade que queira apostar polo rural ou as cláusulas espello para garantir unha competencia leal», explicou ao tempo que incidía no fundamental de «facer políticas desde o territorio e para o territorio».

Do contrario, engadiu, daríanse problemáticas como a da protección do lobo, na que «se decidiu protexer a esta especie só por dogmas ideolóxicos e a costa de afogar aos gandeiros» e cuxo resultado foi que «por non escoitar ao territorio acabaron incrementándose máis dun 70% os ataques de lobo en Galicia».

Ao respecto desta cuestión, o eurodeputado galego Francisco Millán Mon celebrou o recente cambio no Convenio de Berna para reducir a protección do lobo de especie «estritamente protexida» a «protexida». Considerou este avance –orixinado nunha resolución do Parlamento Europeo de 2022– unha medida «imprescindible para priorizar ao sector primario e mellorar o control das poboacións de lobo en España».

«Insto ao Goberno de Sánchez a actuar na mesma liña que a Unión Europea e atender esta demanda histórica do sector primario», subliñou destacando o grave impacto do lobo na gandaría galega, que en 2023 sufriu 1.600 ataques con case 3.000 reses perdidas e que neste 2024 xa suma máis de 3.300 reses mortas.

Neste sentido, o eurodeputado pontevedrés recordou que a Xunta de Galicia leva tempo reclamando esta medida e avogou por un equilibrio que permita protexer ao sector primario como á especie, garantindo unha convivencia adecuada.

Pola súa banda, Adrián Vázquez recalcou a importancia de investir no futuro do medio rural: «Os mozos son a sociedade do mañá, e é imprescindible que sintan que o campo é unha oportunidade real para desenvolver o seu proxecto de vida se queremos seguir enchendo a neveira».

O eurodeputado lalinense expresou ademais a alegría que lle produciu dar a benvida en Bruxelas a un veciño do seu pobo como Avelino Souto: «Avelino é a proba de que o campo ten futuro. Necesitamos máis mozos que, como el e como todos os que hoxe viñeron a Bruxelas dende todos os recunchos de Europa, se comprometan coa profesionalización e modernización do campo e dos seus concellos».

«O noso compromiso é que esta lexislatura europea sirva para facerlle a vida máis sinxela ao noso medio rural e iniciativas coma esta son vitais para que a voz do campo galego resoe en Europa», concluíu.

Tanto Francisco Millán Mon como Adrián Vázquez destacaron así mesmo o papel clave de Galicia nos debates sobre a Política Agraria Común (PAC) e o futuro do sector agro-gandeiro. De feito, o encontro celebrado hoxe «subliña a importancia de escoitar as demandas do sector primario e defender os seus intereses».

Reiteraron así o seu apoio ao sector primario galego e o seu compromiso de seguir traballando desde as institucións europeas para poñer en valor o papel esencial destes sectores na economía e na cohesión social y territorial de Galicia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario