Un profesor da Universidade da Coruña, entre os 10 finalistas nos Premios a Mellores Docentes de España 2024

O profesor Jakson Renner Rodrigues Soares, docente da Facultade de Turismo da UDC, situouse entre os mellores na categoría de Universidade.

O docente da Área de Organización de Empresas da Universidade da Coruña Jakson Renner Rodrigues Soares, acaba de incluído na listaxe dos 10 finalistas dos Premios Educa a Mellor Docente de España 2024. Este domingo publicábase a listaxe cos dez finalistas en cada unha das categorías establecidas nos premios: Educación Intantil, Educación Primaria, Educación Secundaria e Bacharelato, Educación Non Formal, Formación Profesional, e Universidade.

O vindeiro 15 de marzo de 2025, terá lugar na Coruña a gala de entrega de premios, na que se darán a coñecer as persoas gañadoras de cada categoría, no marco da celebración do Congreso Mundial de Educación Educa 2025. Quen gañe obterá unha figura e un premio económico de 1.000 euros; e o resto de finalistas recibirán unha figura e un diploma acreditativo.  

O comité de baremación dos premios abriu así mesmo o prazo para a presentación de candidaturas da seguinte edición, que teñen como obxectivo recoñecer ao persoal docente que destaque pola súa dedicación e boa práctica. O prazo de presentación de candidaturas rematará o 31 de xullo de 2025, e o alumnado pode presentar ao certame a aqueles docentes do presente curso académico 2024/2025 e que admiren polo seu bo facer, a través da web plataformaeduca.org.


Jakson Renner Rodrigues Soares

Jakson Soares imparte docencia na Facultade de Turismo da UDC e é membro do Grupo de Investigación en Experiencia Turística e do Grupo de Investigación de Turismo, Economía e Sustentabilidade (Universidade Estadual do Ceará-Brasil). Sinala estar moi contento e agradecido por estar entre os dez finalistas, algo que, para el, “xa é un gran recoñecemento”.

Comparte éste artículo