O PP de Lugo pide unha reunión extraordinaria de Evislusa ante o perigo que pode provocar nos veciños un edificio en ruínas na Avda. da Coruña

O Grupo Municipal do Partido Popular vén de solicitar a convocatoria dunha xunta xeral extraordinaria de Evislusa para avanzar na recuperación do edificio situado no número 24 da Avenida da Coruña. O obxectivo é garantir a execución das obras necesarias para mellorar a seguridade e as condicións de vida dos veciños, despois de máis de dúas décadas de espera.

Desde o PP apostamos por ser parte da solución e actuar con responsabilidade. Por iso, tras escoitar as inquedanzas dos afectados, instamos ao goberno municipal a cumprir co decreto aprobado o pasado 26 de setembro de 2024, que permite actuar de maneira inmediata e arranxar o tellado con fondos públicos, pasando logo a factura ao propietario que deixou sen tellado o inmoble. Este mecanismo, coñecido como execución subsidiaria, permite á administración intervir en situacións de abandono para garantir a seguridade e o benestar da veciñanza.

Dende o PP consideramos que urxe actuar xa que o edificio leva anos sen cuberta, provocando filtracións, humidades e un deterioro progresivo que afecta tanto aos residentes como aos edificios lindeiros. Ademais, o risco de desprendementos supón unha ameaza para os peóns e vehículos que circulan pola zona. A solución existe, só falta vontade política para aplicala.

Os populares indicaron que non é o único caso de tramitación que se eterniza no tempo explicando un caso similar cun edificio de Montero Ríos, onde o goberno local derivan responsabilidades e evita compromisos claros tal e como se recolle na acta da comisión onde o PP preguntaba por esta edificación que ten un expediente de ruína dende 2023 e leva dende hai anos cun balado ocupando parte da beirarrúa de Montero Ríos. Segundo se nos informou a propiedade solicitou a execución subsidiaria polo Concello das obras de demolición e estase nesa tramitación.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios