Cultura da Deputación da Coruña e a Asociación Galega de Escritoras e Escritores promoven “Encontros coas Letras” en 7 bibliotecas da provincia

O proxecto implicará 7 encontros en 7 bibliotecas da provincia, comezando polo vindeiro xoves 22 de maio ás 19 horas na propia Biblioteca Provincial, que servirá de escenario para o primeiro “Encontro coas Letras”, protagonizado polas poetas Lucía Aldao e Branca Trigo Cabaleiro.

Un autor ou autora amplamente recoñecido polo público, e outro escritor ou escritora de perfil máis descoñecido, fronte a fronte coa comunidade lectora. Esta é a liña argumental de “Encontro coas letras”, o proxecto presentado esta mañá pola Deputación da Coruña e AGER, enmarcado dentro do 180 Aniversario da Biblioteca Provincial, que busca dotar dunha vida diferente á literatura nas bibliotecas da provincia da Coruña.

Os ”Encontros coas letras” queren ser eventos vivos, tal e como apuntaba a deputada de cultura, Natividade González, “queremos que a comunidade lectora poida participar activamente. Que comenten, que debatan, que charlen con eses autores e autoras participantes de ti a ti, sen barreiras”.

E precisamente por iso o proxecto implicará 7 encontros en 7 bibliotecas da provincia da Coruña, comezando polo vindeiro xoves 22 de maio ás 19 horas na propia Biblioteca Provincial, que servirá de escenario para o primeiro “Encontro coas Letras”, protagonizado polas poetas Lucía Aldao e Branca Trigo Cabaleiro. “Un exemplo máis da nosa aposta por descentralizar as actividades culturais, desenvolvéndoas en diferentes puntos da provincia máis aló das cidades”, engadiu a deputada. 

O proxecto, tal e como explica a presidenta de AGER, María Nieto, “servirá para que o público lector, esa comunidade que enche de vida ás bibliotecas, coñeza as propostas que os autores e autoras galegos desenvolvemos, dun xeito sinxelo e moi accesible”.  Os escritores e escritoras serán emparellados polos seus puntos en común, “as súas temáticas, os seus xéneros literarios, a súa xeración literaria, o seu estilo narrativo… Asi logramos que a comunidade lectora coñeza propostas novas da man de libros e autores ou autoras que xa lle son coñecidos, e, ao mesmo tempo, impulsamos o debate na produción desas plumas xa famosas”.

A técnica da biblioteca, María Lema, referiuse ao 180 aniversario da Biblioteca Provincial, “unha das máis lonxevas do país, que conta cun fondo patrimonial único”, e apuntou que, con este tipo de iniciativas, “queremos facilitarlles tamén un pouco o día a día ás bibliotecas, con actividades de interese para para a comunidade lectora”. 

Tras este primeiro encontro, e pasado o verán, terán lugar as seis citas restantes, que se repartirán entre setembro en novembro entre diferentes bibliotecas da provincia da Coruña, nun calendario final que será anunciado proximamente.

Comparte éste artículo
No hay comentarios