O Centro Ecuestre Marco das Pías, en Sobrado dos Monxes, foi o lugar escollido para levar a cabo a xornada.
A Asociación AMARAI (Asociación de Persoas con Discapacidade e Apoio á Integración das Comarcas de Arzúa e Terra de Melide), celebrou o pasado venres, a súa xa tradicional XORNADA ECUESTRE.
Este ano celebrouse a sétima edición no Centro Ecuestre Marco das Pías, en Sobrado dos Monxes, con catro asociacións de persoas con discapacidade, de distintos lugares de Galicia, entre as que se xuntaron máis de 150 persoas.
A xornada comezou cunha benvida e explicación das dinámicas por parte de Natalia López, directora do Centro de Recursos de Amarai (Boimorto) e rematou cun xantar conxunto no cal a convivencia entre todos e o intercambio de sensacións, foi o fito máis importante a destacar.
As actividades realizadas de xeito rotativo, baseáronse, principalmente no mundo equino. Dende o contacto directo co animal cun paseo, coidado e monta, ata coñecer os distintos apeiros do cabalo, pasando por “ponilandia”, onde se enfrontaron a probas de destreza e traballo en equipo, ou un taller de macramé no que cada participante puido realizar un chaveiro e levalo de recordo.
Despois do éxito do pasado ano, Amarai mantivo o concurso de vestiario, simpatía e colaboración que se premiaron con produtos elaborados polos propios usuarios/as do Centro de Recursos.
Dende Amarai, destacan o compromiso in crescendo e o nivel de involucración dos traballadores da asociación por mellorar a nivel xeral a actividade, e quérese agradecer a participación, un ano máis, a tódalas entidades e tamén a todos os socios/as que se achegaron a desfrutar da xornada.