As logopedistas demandan un Plan Integral de Atención Temperá para garantir unha intervención equitativa e de calidade

As logopedistas galegas cren necesario o establecemento dun Plan Xeral de Atención Temperá “con estándares mínimos de calidade para todos os nenos e nenas”, recalcou a presidenta do Colexio Profesional de Logopedistas de Galicia, Diana Gándara, no transcurso dunha mesa redonda que se celebrou en Santiago baixo o título Atención Temperá, unha cousa de todos. Na mesa redonda participaron profesionais das distintas disciplinas que traballan na Atención Temperá, un servizo dirixido a atender nenos e nenas de 0 a 6 anos que presentan trastornos no seu desenvolvemento ou que están en risco de padecelos.

Gándarasinalou que “a creación de novas unidades é positiva, pero hai servizos onde non hai suficientes logopedistas para atender a demanda e moitos non operan durante os meses de verán. A logopedia é un elemento vertebrador da Atención Temperá en Galicia, porque está presente en 44 dos 47 SAT (Servizo de Atención Temperá) e nas catro UDIAF (Unidades de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar)”.

Javier Bueno, vicepresidente do Colexio, sinalou que o deseño da Atención Temperá en Galicia provoca desigualdades de acceso ao servizo. «O 65 % da poboación non ten un Servizo de Atención Temperá (SAT) de referencia. Temos solucións parciais e locais que non aseguran que todos os nenos e nenas reciban a mesma atención”, denunciou. Bueno incidiu na importancia da logopedia. “O 40 % do investimento da Xunta en Atención Temperá é para contratos de logopedia”.

A logopedista Patricia Freire, do SAT de Curtis, lembrou que “desde a creación da Rede Galega de Atención Temperá en 2013, houbo avances, pero seguen existindo concellos sen acceso a este servizo esencial e, por certo, gratuíto. É crucial garantir unha atención de calidade en todas as zonas, especialmente no rural, onde as familias adoitan ter máis dificultades para desprazarse”.

Desde a terapia ocupacional, Silvia Rodríguez, que traballa no SAT da Costa da Morte, destacou a importancia da detección precoz e da coordinación interdisciplinar para garantir unha intervención efectiva. «O neno ou a nena pasa un proceso de detección precoz despois de que alguén do seu entorno descubre que algo non está indo ben. As familias ou as escolas infantís son as que adoitan dar a voz de alarma. O servizo de Pediatría derívaos ao de Atención Temperá no SAT máis próximo. Hai unha fase de acollida, na que se fai a entrevista coa familia, unha fase de valoración e, finalmente, a intervención tanto familiar como coas crianzas. A medida que se van logrando os obxectivos ou a nena ou neno alcance os seis anos chega a fase de avaliación e finalización do servizo”.

Jessica Moledo, nai dun neno de tres anos usuario do SAT do Ézaro, puxo o foco na importancia do apoio ás familias. «No momento en que te decatas de que o teu fillo pode ter dificultades, precisas axuda e orientación profesional. A Atención Temperá é fundamental para que as crianzas teñan un futuro mellor e para que as familias se sintan acompañadas. O SAT é un lugar cercano onde poder apoiarse e resolver dúbidas. Sempre con tacto, xa que a actuación de seu é difícil”, afirmou. Para Jessica é necesario “ver que o meu fillo vai a terapia contento, que se divirte e que, ao tempo, ten avances. Ás veces, cando hai determinadas cousas que, pese a traballalas, non se logran mudar, é importante entender a razón, reforzalo e explicalo da mellor forma posible para que se teña conciencia da realidade e non verse afogada na situación”.

Jessica tamén denunciou as barreiras económicas que impiden que moitas familias poidan acceder a servizos privados cando a oferta pública é insuficiente. “Por este motivo é importante ter máis Servizos de Atención Temperá, para axudar ás familias e que os pequechos teñan un futuro mellor”.

Tras o coloquio, celebrouse a asemblea xeral ordinaria anual do Colexio Profesional de Logopedistas de Galicia, na que, entre outros asuntos, se aprobou a nova imaxe corporativa.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios