Día da Galiza Mártir. Por Xosé Edrosa Leal

por Xosé Edrosa Leal

Presidente Ateneo Galeguista Terra Cha

No abrante do día de hoxe, as galegas e os galegos que sentan a chama do amor e da xustiza, estamos convocados a compartir esta efeméride de lembranza aos nosos mártires, en número incontable, a aqueles compatriotas que entregaron as súas vidas xenerosas e fecundas na procura dos ideais dunha Galiza mellor, libre e xusta, pagando un alto tributo imposto polos desalmados que non compartían aqueles valores, pois non entendían de amor nin de xustiza e, moito menos, de liberdade, confundindo a xustiza coa vinganza máis cruel.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao deixounos o sentir do día de hoxe no seu derradeiro discurso “ Alba de Groría “, emprazándonos a “ percorrer devotamente os cimeterios de Galiza, onde repousan os derradeiros mártires, en número incontable. A nosa imaxinación verá unha fogueira en cada cimeterio, como outros tantos clamores de xustiza. Pero no de Pontevedra verá unha labarada que chega ate o ceo. Esta é a chama do esprito dun gran galego que non figura na Santa Compaña dos inmortais, porque non pertenece á historia, senón á tradición. Este é o lume do esprito de Alexandre Bóveda, estrela e bandeira do noso porvir”.

Na anterior data citaba a tres persoeiros vítimas daquela barbarie, un deles o xa mentado Alexandre Bóveda, Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño, tres símbolos que honran a nosa memoria e nos emprazan a dar exemplo do amor fraternal a esta terra e ás súas xentes, tal como eles o teñen feito.

Os outros Mártires

Despois daquela publicación, seguin cavilando sen acougo na traxedia histórica  vivida por aquela xeneración, e ademais das fogueiras e labaradas evocadas maxestosamente polo rianxeiro, seguin atopando mártires, tamén merecentes de recoñecemento e do clamor de xustiza, e axiña brincou a miña imaxinación á magra figura de Antón Moreda, un galeguista que sufriu corenta e tres anos de internamento no hospital psiquiátrico de Castro de Ribeiras de Lea, coincidindo cunha longa etapa na que o réxime hospitalario no eido da saúde mental non era cousa doada. Malia a elo, aquel mariñán de nacemento non esmoreceu na loita do ideal soñado.

Mais o meu pensamento e imaxinación  no día de hoxe, segue descubrindo outros vieiros que tamén demandan recoñecemento, reparación e clamor de xustiza, pensamento que vai dirixido a todos aqueles e aquelas que aínda repousan nas gavias e foxas desaparecidas, aos que nunca foi posible levarlles unha flor, chorar e incluso rezar diante dos seus restos. Toda esta carga de sentimento e emoción, as súas familias e amigos tiveron que retelos na soidade do seu pensamento e no corazón, lugar sagrado no que as vítimas sempre permanecen vivas.

Cando estou a escribir estes paragráfos, aflora no meu pensamento o recordo entrañábel de don Darío Rivas Cando, fillo de mártir e tamén mártir, a súa inquebrantable loita por atopar os restos do seu pai, don Severino Rivas, alcalde chairego de Castro de Rei (Lugo) na Segunda República española, asesinado na beira dereita da estrada de Lugo a Portomorín, na parroquia de Cortapezas desta localidade, lugar onde foi soterrado a carón da Igrexa parroquial. A versión oficial que consta na partida de defunción do Rexistro Civil de  Portomarín: hemorragia producida por proyectil de arma de fuego. Ou sexa, un tiro na nuca, sen formación de causa, un burdo asesinato.

O único delito que puido cometer don Severino Rivas foi ser un home de pensamento avanzado de esquerdas, solidario e defensor dos máis humildes, feito que alimentou a vesania dos asesinos e dos indutores cómplices, acostumados a vivir do súor alleo, réxime de vida incompatible cos valores que practicaba aquel modesto alcalde de Castro de Rei, moi en sintonía coa  razón política que traía a Segunda República.

Tiven a sorte de coñecer a Darío e, a través del, ao seu pai, nos derradeiros viaxes que fixo dende Bos Aires á terra do seu nacemento, chegando incluso a disfrutar da súa amizade e cariño, un feito que non requeriu esforzo algún, pois a súa bondade era a ineludible e natural carta de presentación que espertaba os sentimentos máis nobles. A partir daqueles encontros felicitabámonos por tarxeta-postal as festas do Nadal; e ao final, cando xa lle ía chegando o atardecer da vida e as forzas minguaban, facíao cunha chamada telefónica. Botámoste de menos, amigo!

Unhas pequenas pinceladas dalgúns datos e feitos transmitidos por Darío Rivas, e outros recollidos da moción presentada no seu día polo voceiro socialista ante a corporación municipal do Concello de Castro de Rei, don Antonio Gato Soengas, para promover unha merecida homenaxe ao devandito alcalde,  iniciativa que se levou a termo, culminando con diversos actos, incluído o seu nome  a unha rúa en Castro de Ribeiras de Lea. Este documento foi publicado íntegramente no emocionante libro autobiográfico escrito por don Darío Rivas Cando, no que narra a historia del e do seu pai, asesinado polos golpistas que derrocaron o lexítimo goberno da República.

  1. Severino Rivas (Loentia-Castro de Rei, 1875), casou con dona Manuela Cando, da mesma veciñanza, da que vai enviuvar cedo, con nove fillos a cargo. A comezos dos anos trinta e como sucedía en moitas familias galegas (meus avós paternos, unha delas), o neno Darío, o máis novo dos nove irmáns, co fin de que puidera labrar unha vida mellor, incluso académica, con tan só nove anos deciden que emigre a Bos Aires, alí o agardaban outros irmáns máis vellos, instalándose na casa dunha tía, Dolores, irmá da súa nai, falecida.

A súa partida cara a América descrita con emoción polo protagonista no seu fermoso libro, aquela aventura que parte do porto de A Coruña. Ata a cidade herculina faino na compaña do seu pai. O barco no que ía partir atopábase ancorado mar  adentro, tendo que trasladarse ata el nunha pequena lancha, feito que ao ser tan cativo o viaxeiro que ía só, permítenlle ao pai que o acompañara ata o barco. Aquel sería o derradeiro treito na compaña do seu pai, o que tamén fixera de nai dende a súa tenra orfandade, con só cinco anos. A derradeira imaxe imborrable que conservou Darío do seu pai vivo: “ distanciándose, xa de costas, na lancha que o achegara ao barco onde eu quedaba. A despedida foi un abrazo apresurado, probablemente para que eu non puidese ver as súas bágoas. Non recordo se chorei naquel momento. Sei que quedei pensando que non tardaría en volver a velo e soñando que coa miña volta podería enchelo de riquezas”.

Segue dicindo Darío sobre aquel triste episodio: “ Chorei máis adiante, sí, por el e pola súa causa, bágoas de rabia e impotencia. E creo que a maior riqueza que puiden ofrecerlle foi recuperar o que quedaba dos seus restos, levalo a repousar xunto aos da súa esposa e facer canto está na miña man para lavar a súa aldraxada memoria”.

Atina a súa sobriña María Jesús Rivas Fernández (alma mater para Darío na loita pola recuperación dos restos e a memoria do seu bisavó) cando manifesta que para o seu tío Darío “a figura do seu pai acompañaríao toda a súa vida, e a súa perda na distancia, marcárao profundamente dende moi novo”. Claro que sí, María Jesús, mais tristemente, os feitos vividos e sufridos polo teu tío e noso amigo Darío, para algúns, cecais moitos, demasiados desalmados, é remexer a historia e abrir feridas. Pero na conduta exemplar deste home galego da estirpe dos bos e xeneros, só puideron ver amor ao seu pai e á súa memoria.

Teño que dicir que, nas miñas longas conversas con Darío non atopei máis que grandeza de espíritu e bonhomía, a vinganza que sería humanamente comprensible, non figuraba no seu código moral. Mais, sí era claro defensor da Lei de Memoría Histórica, aínda que non contentara a todas as partes, e agardaba que esta norma “ colabore a lograr o que pedía D. Manuel Azaña ao internarse na abadía de Monserrat, antes de partir para o seu exilio en Francia: PAZ, PIEDAD, PERDÓN “.

Palabras que ante a traxedia e tanta inxustiza, só as pode pronunciar un grande home : Darío Rivas, dignificando a memoria do seu pai, foi un deles.

Que a terra lles sexa leve e lles dea a felicidade que a vida lles negou en moitos dos seus aspectos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario