A actuación enmárcase nun operativo de loita contra o furtivismo desenvolvido en coordinación coa Inspección Veterinaria, o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Policía Local da Coruña e Augas de Galicia
Axentes da Policía Autonómica comisaron o pasado abril 78 quilos de marisco bivalvo de diferentes especies nunha depuradora ilegal situada na ría do Burgo, na Coruña. O comiso tivo lugar no marco dun operativo de loita contra o furtivismo realizado en coordinación coa Inspección Veterinaria, o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Policía Local da Coruña e Augas de Galicia.
Segundo se comprobou na inspección, o marisco, mergullado nunha piscina sen ningunha identificación, carecía de rastrexabilidade e da documentación precisa sobre a súa procedencia.
A localización da depuradora ilegal é resultado dunha serie de operativos de vixilancia do furtivismo na ría do Burgo, nos que se detectaron movementos de entrada e saída de vehículos isotermos nun edificio próximo, así como ruídos de clasificación de marisco e outros indicios que motivaron a solicitude dunha autorización para o rexistro das instalacións.
A maiores, no marco das investigacións realizadas na ría do Burgo pola Policía Autonómica e o Servizo de Gardacostas de Galicia, o pasado marzo requisáronse 300 quilos de ameixa, tras constatar que un grupo de persoas extraía este marisco de xeito ilegal.
Como resultado destas accións hai catro persoas investigadas. Os operativos enmárcanse no reforzo realizado pola Policía Autonómica no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.