Do 3 de xullo ao 2 de setembro, pode visitarse a mostra pictórica da artista de Camariñas no ESPAZO DE ARTE de Roberto Verino da planta baixa da tenda da Rúa do Paseo en Ourense
O luns 3 de xullo inaugurouse no Espazo de Arte de Roberto Verino a mostra “Semblantes” de Novais. Á inauguración na ourensá Rúa Paseo asistiron a artista e tamén Roberto Verino.
Nada en Camariñas en 1960, Mª Luisa Rojo-Novais Grandío, mais coñecida no mundo da arte como Novais, estudiou Artes e Decoración de Interiores en Coruña e Arquitectura de Interiores en Salamanca.
A polifacética artista compaxinou a súa formación cos obradoiros de arte que realizou con destacados artistas como Pacuha Segade, Manuel Romero, Cabrera, Mariano García Patiño e Antonio López.
A súa traxectoria profesional empezou nunha empresa de iluminación onde se encargaba dos proxectos de arte, actividade que compaxinou coa adicación á pintura ata o ano 2007. A partir de entonces adicouse exclusivamente ao arte, montando o seu propio estudio e realizando exposicións e obradoiros para alumnos.
É membro da Asociación de Artistas Plásticos Galegos (ARGA), onde exerceu de vicepresidenta e de varias asociacións artísticas como a Sociedade Artística Ferrolá (SAF) ou a Asociación Española de Pintores e Escultores de Madrid (AEPA).
Realiza exposicións individuais en Coruña, Ferrol, León, Culleredo, Baiona, Santiago, Pontevedra, Barcelona, Oporto, Culleredo, Narón, Betanzos…
A súa obra atópase en coleccións privadas e institucionais en Coruña, León, Betanzos, Cambre, Oleiros, Barcelona e Porto.
Da autora sobre a súa obra
«Pinto a miña visión das cousas, e expreso os meus sentimentos a través das miñas obras»
«A manifestación artística das miñas obras é o símbolo do meu logotipo, un pentágono que, mais que unha proposta plástica, representa os 5 lados nos que se move o meu traballo, dando expresións e estilos diferentes que se plasman en exposicións>».
«A miña pintura expresa emocións, non vexo diferencia cando pinto facianas con diferentes expresións e cando pinto outro tipo de temáticas que, do mesmo modo, transmiten estados de ánimos e pasións. Nos rostros se materializan as pegadas das preocupacións, os traballos, as ilusións e a esperanza de toda unha vida. Son os nosos rasgos as testemuñas de cada emoción que nos conmove e así quero representalos. Creo as miñas obras dende o estudio dos sentimentos que percibo no meu interior, meditando co corazón e coa intención simbólica de materializar esas impresións no lenzo».
As técnicas artísticas nas que me movo son o óleo, o acrílico, a acuarela e o gravado.