Un sinxelo que rende tributo ás antepasadas e ás formas nas que se rebelaron contra o establecido
Fillas de Cassandra, un dos proxectos musicais máis prometedores do panorama galego emerxente, vén de publicar nas principais plataformas dixitais o seu novo sinxelo: Tataravoa. No tema, producido por MaríaSOA e os djs Galician Army (Sergio Vallejo e Alberto Prado), as creadoras renden tributo ás devanceiras e ás formas que elas atoparon á hora de poder rebelarse contra o establecido. A peza, cun retrouso pegadizo no que entoan a «tatara tatara tatara tatara avoa» a ritmo de muiñeira, xa se pode escoitar nos directos que Fillas de Cassandra está a ofrecer este verán no marco da xira de presentación do seu primeiro álbum, Acrópole.
Tataravoa, composta e escrita por Fillas de Cassandra, nace da intención poñer en valor o papel e a importancia das avoas e das antepasadas nas nosas vidas, «desas pequenas loitas e conquistas que acadaron, que quedaron e que chegaron a día de hoxe», segundo afirman as artistas. Precisamente, as voces das avoas de María Pérez e Sara Faro pechan un tema no que a relación entre pasado e presente é explícita. Atópase tanto a nivel textual, cando cantan «se nos visen no palco / coa forza dun vendavale / non sei ben se chorarían / ou ben subirían con nós a cantare«, así coma no corpus formal da canción, que aúna elementos chave da música tradicional co piano, a música electrónica ou o pop contemporáneo.
Tataravoa é o primeiro tema que Fillas de Cassandra lanza, precisamente, logo da publicación de Acrópole o pasado mes de febreiro. A estrea en directo do mesmo, con voz e pandeireta, foi no marco do ciclo coruñés Vangal, no ateigado patio da Fundación Luis Seoane. Nese momento, o dúo Galician Army -que publicou recentemente o seu primeiro álbum, Nós- interésase nunha colaboración para a produción do mesmo e, dous meses despois, ambas formacións interpretan ao vivo o sinxelo durante unha actuación no Arde Lucus. A pasada semana a súa actuación conxunta tamén foi moi celebrada no Atlantic Pride coruñés.