Francisco Conde: “O PP ten o mellor candidato para defender o sector vitivinícola e promocionar A Ribeira Sacra”

por Redacción Galicia

O popular destacou “a posición e o recoñecemento do sector dentro e fóra de Galicia” e explicou as medidas que recolle o programa electoral do PP para “contribuír á consolidación e internacionalización do sector”

O cabeza de lista do PP ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Conde, destacou “a posición e o recoñecemento do sector vitivinícola galego, claves dentro e fóra da nosa comunidade” e explicou as medidas que recolle o programa electoral do Partido Popular para “contribuír á consolidación e internacionalización do sector”. Foi durante unha visita ás bodegas Rectoral de Amandi, en Sober, amparadas pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra e na que tamén participaron membros da candidatura do Partido Popular ao Congreso e ao Senado pola provincia; ademais do coordinador xeral do PP lucense, José Manuel Balseiro.

Francisco Conde subliñou durante a súa intervención a súa “máxima vinculación con esta terra” e recoñeceu o esforzo dos produtores e viticultores para obter a excelencia nos seus caldos. Así mesmo, explicou que a Xunta quixo consolidar a posición e recoñecemento do sector reafirmándoo como punta de lanza do agro galego e “agora queremos levar ese compromiso ao Goberno de España”. Para iso, “contamos con Alberto Núñez Feijóo, o mellor candidato para defender o sector vitivinícola e para promocionar A Ribeira Sacra”.

Sobre as propostas do programa electoral, Conde citou a redución dos custos de enerxía, os combustibles e as materias primas para manter a rendibilidade, a calidade dos nosos produtos e a excelencia do sistema agroalimentario. E tamén o desenvolvemento tanto de plans estratéxicos para reforzar a súa competitividade como de plans específicos de promoción turística para impulsar a desestacionalización do turismo, da que se poderá beneficiar o eido enolóxico galego.

O candidato popular tamén puxo en valor medidas relacionadas co ámbito laboral, como as dirixidas a promover a remuda xeracional e a incrementar as oportunidades laborais de mulleres e mozos e mozas no rural simplificando trámites, anticipando axudas ou reducindo a fiscalidade. Ou a tarifa 0 para novos autónomos durante o primeiro ano.

Para Conde, o compromiso do Partido Popular co sector é máximo e sinalou que “se goberna Feijóo, gaña Galicia, gaña A Ribeira Sacra e gaña o sector vitivinícola”.

Compromiso da Xunta

Francisco Conde aproveitou para lembrar o compromiso da Xunta de Galicia co sector. Puxo como exemplos a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas; a Lei da recuperación da terra agraria de Galicia; a futura Lei de calidade alimentaria; ou as axudas específicas para a elaboración, comercialización e promoción dos viños galegos, na que se levan investidos 29 millóns de euros nos últimos cinco anos.

“Toda unha estratexia a prol dun sector estratéxico non só para o noso agro; senón tamén para o conxunto da economía galega que cómpre seguir apoiando co firme compromiso de que continúe destacando dentro e fóra da nosa comunidade”, incidiu.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario