Un acto institucional, que contou coa presenza do alcalde de Sada, Óscar Benito Portela, da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, e mais da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, xunto co presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, José Luis Sacau, e o presidente da asociación cultural e mariñeira Os Patexeiros de Sada, Miguel Martínez Modroño, serviu para presentar este sábado, día 15, o XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, coorganizado por Culturmar, Os Patexeiros e o propio Concello de Sada, coa colaboración da Xunta e outras institucións.
O evento, que se desenvolverá en Sada entre os días 3 e 6 de agosto, contará cunha completa programación no mar e tamén en terra, con actividades para todas as idades que inclúen, ademais das citas náuticas, exposicións sobre a cultura mariñeira e fluvial e os seus oficios relacionados, presentacións, obradoiros, música, xogos, teatro e outras propostas para o público infantil. O evento conta tamén cun programa inclusivo, que este ano ten como entidade convidada a Aspace, vinculada a persoas con dano cerebral e as súas familias, para achegar a cultura do mar a persoas con diversidade funcional.
“Dezaseis anos despois de que a nosa frota navegara as augas de Ferrol, en 2007, regresamos ás mariñas coruñesas, a unha vila mariñeira por dereito propio. Sada é hoxe unha localidade puxante, centro turístico de primeira magnitude que mantén un vínculo directo co mar: conta cun dos portos deportivos máis importantes de todo o litoral galego e cantábrico, conserva aínda unha importante actividade mariñeira e conta tamén cun colectivo, Os Patexeiros, –coorganizador, co Concello de Sada e a propia Culturmar, da cita coa cultura mariñeira– que segue a salpicar de velas tradicionais a ría, facéndonos lembrar o pasado esplendoroso da vida mariñeira sadense”, sinalou o presidente de Culturmar na presentación desta mañá, que tivo lugar no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.
Na súa intervención, José Luís Sacau quixo salientar “a potencia de Sada e das Mariñas Coruñesas como un dos grandes polos de desenvolvemento do país en todos os planos: económico, industrial, demográfico, turístico e tamén cultural”, e o seu papel na reivindicación do patrimonio propio. “Sobran exemplos que nos indican que o desenvolvemento debe ir parello coa salvagarda dos valores patrimoniais e debe ser respectuoso con eses valores, de maneira que no fío da historia nunca perdamos a referencia do que somos e de onde procedemos”, considerou Sacau, e chamou a que este XVI Encontro sirva, como en anteriores ocasións, “de catalizador para que todos os axentes, desde as institucións ao tecido social e económico, poñan as súas enerxías, con orgullo e determinación, ao servizo duns valores que nos deben identificar como país e como comunidade humana madura e moderna”. Nese sentido, o presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial reclamou “políticas decididas” como a delimitación de áreas portuarias específicas para que a frota tradicional poida ser exhibida e desfrutada como un museo vivo, a potenciación da renovación xeracional dos carpinteiros de ribeira a través da formación regrada e a revitalización da actividade de construción naval en madeira recoñecendo o seu valor en termos ecolóxicos, económicos e medioambientais”, tendentes a “garantir o futuro deste patrimonio que, doutro xeito, corre serio perigo de esvaecer”.
Pola súa banda, o presidente de Os Patexeiros, Miguel Martínez, destacou no acto a impacto desta cita coa cultura mariñeira e fluvial alí onde se celebra. “Sería fermoso que non terminase o Encontro de Embarcacións o día 6, que este transformase a sociedade de Sada e puxese no primeiro plano eo seu orgullo mariñeiro”, desexou. A asociación sadense, que cumpre 15 anos de actividade, dará a coñecer formalmente no marco do Encontro o seu proxecto para a creaciòn do Museo A Flote, “unha proposta para poder exhibir as nosas xoias flotantes, as nosas embarcacións tradicionais fondeadas ao longo dunha parte de paseo marítimo de Sada”, avanza Martínez. O proxecto físico, adiantou Martínez, leva asociada ademais unha capa no metaverso, que consiste en navegación nas embarcacións a través de realidade virtual.
expedición da goleta Evangelina, construída en 1912, que sairá de Rianxo o 2 de agosto para chegar a Sada o día 3 ou na viaxe dende Vigo a bordo do barco histórico Atyla, que está xestionado por unha entidade benéfica, entre o 30 de xullo e o 5 de agosto, está aberta e aínda quedan prazas. Unha vez no porto de Fontán, estas dúas embarcacións poderán ser visitadas e as persoas interesadas poden contratar excursións pola ría. Para estas actividades, a reserva está dispoñible na páxina web do encontro e igualmente será posible facer percorridos no Joaquín Vieta.
Xa durante as datas do evento, haberá navegacións pola costa sadense e as localidades próximas durante as catro xornadas, así como unha concentración e exhibición dos participantes no porto de Fontán, visitas guiadas ao interior dos barcos e un bautismo de mar de novas embarcacións. Nesta altura, o Encontro ten confirmada xa a participación de 74 barcos e agarda chegar ata os cen. O prazo de inscrición segue aberto ata o día 27 na web do encontro.
A programación de terra, que terá no porto de Fontán o seu epicentro, contará con mostras sobre patrimonio marítimo e fluvial, tanto no Pavillón do Patrimonio como na Carpa Balbina, que concentra a programación impulsada por Os Patexeiros, ademais dunha chea de exposicións, presentacións literarias e de proxectos, mostras de oficios tradicionais vinculados ao mar e mesmo unha andaina ata Lourido, acompañando a navegación tradicional.
A programación prevé tamén actuacións musicais para as catro xornadas, con concertos nocturnos no Espazo Sons do Mar, no paseo de Fontán. Alí actuarán, o xoves, Os de Abaixo, que darán pé, o venres, a Faltriqueira (22.30h) e Habelas Hainas (23.30h). O sábado, abrirá, ás 22.30 horas, Lenda Ártabra, que dará paso, ás 23.30 horas, ao concerto de Mercedes Peón, dentro da súa Xira Ingrávida. A actuación do domingo, ás 22.00 horas, correrá ao cargo da Bule Bule Band. Ademais, nas mañás do xoves, venres, sábado e domingo haberá ruadas da man de Nova Troula, acompañada o domingo do seu grupo de canto, a quen se unirán tamén, o sábado á tarde, Queiroa.
Programa Inclusivo
Como cada ano, este XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia organiza o espazo “O mar para tod@s”, que recolle a programación de actividades para persoas con diversidade funcional, como a navegación inclusiva. Nesta edición, a entidade convidada é Aspace, confederación que engloba persoas con parálise cerebral e as súas familias.
A programación reserva tamén un amplo abano de actividades dirixidas ao público infantil, con espectáculos de maxia, musicais e de teatro durante as catro xornadas. As propostas para a rapazada complétanse cunha serie de obradoiros, desde estampado de camisolas, música tradicional ou a construción de barquiños de vela de xoguete con madeiras á deriva.
O XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia contará ademais cos postos de venda de Aspace, da libraría e editorial Bululú, de Aura Noctis e de Serigrafía MEU_Enmarcación creativa con refugallo e camisetas mariñeiras, e tamén se poderán adquirir láminas de Xosé Iglesias.
A inscrición para participar neste XVI Encontro segue aberta e pode realizarse no formulario que se atopa na web: https://culturmar.org/eventos/, onde igualmente é posible anotarse como parte do voluntariado, para vivir este evento desde dentro: https://culturmar.org/voluntariado/.