A mostra contén as imaxes gañadoras do concurso European Wildlife Photographer of the Year, o máis prestixioso de Europa
O Aquarium Finisterrae acolle desde hoxe a exposición ‘Fotografías da Natureza 2023’, con imaxes premiadas na última edición de European Wildlife Photographer of the Year. O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou esta mañá a mostra xunto con Francisco Armesto, director Técnico do Aquarium Finisterrae. “A Coruña conta desde hoxe coas mellores instantáneas da natureza no mundo, polo que aquelas persoas que se acheguen a coñecer o Aquarium levarán tamén un anaco do mundo” explicou o edil.
O European Wildlife Photographer of the Year é o concurso de fotografía de natureza máis prestixioso de Europa que naceu co obxectivo de pór en valor a natureza e a biodiversidade para sensibilizar o público co seu coidado. Logo do desenvolvemento do concurso, a organización preparou unha exposición coas imaxes premiadas para levala a diferentes cidades europeas e achegar á cidadanía diferentes perspectivas sobre o mundo natural. Na Coruña está dispoñible na sala Isabel Castelo do Aquarium Finisterrae, previa retirada de entradas, e conta con 66 das 84 imaxes recoñecidas nos premios.
A exposición está organizada en nove seccións: aves, mamíferos, outros animais, mundo submarino, eloxio das plantas, paisaxes, o home e a natureza, forma e composición e novos fotógrafos. Cada unha das seccións conta cunha imaxe gañadora ademais das finalistas, algunhas recoñecidas con mención de honra. Entre elas está ‘O mundo dos hipopótamos’ de Mike Korostelev, galardoada como a fotografía do ano na European Wildlife Photographer of the Year. “A fotografía é unha boa ferramenta para tomar conciencia sobre o medio ambiente e agardamos que sirva como ferramenta de cambio no público, incrementando o seu interese por preservar o noso mundo natural” sinalou Gonzalo Castro.
A mostra do Aquarium forma parte da ampla programación cultural e de ocio que ten impulsado o Goberno de Inés Rey na cidade para a tempada de verán.