Rubén Arroxo pide á Xunta “que aclare se vai pechar o centro de saúde de Nadela ou non”

por Redacción Lugo

O BNG presentou unha moción no vindeiro pleno municipal e distintas iniciativas no Parlamento galego para coñecer os plans do SERGAS con esta instalación

O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, sumouse ás veciñas e veciños de Nadela na súa preocupación polo futuro do Centro de Saúde. Arroxo afirmou que «ano tras ano a veciñanza de Nadela ve como o centro de saúde pecha, cada vez con máis temor a que chegue o mes de setembro e non volva abrir».

Arroxo calificou como «preocupante» a información aparecida hoxe nos medios de comunicación a respecto da titularidade dos terreos nos que se ubica o centro de saúde. «As veciñas e veciños de Nadela temen que a Xunta esté a traballar no peche desta instalación e que os terreos poidan retornar á familia que os cedeu», explicou Rubén Arroxo, que engadiu «é preciso que a Xunta aclare canto antes cal vai ser o futuro deste centro de saúde para dar seguridade á veciñanza».

O BNG presentou distintas iniciativas no Parlamento de Galiza, que se suman á moción que se debaterá no próximo pleno do concello de Lugo, para coñecer o futuro do Centro de Saúde e instar ao Goberno galego a garantir a súa reapertura e o mantemento da súa actividade nas mellores condicións.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario