José Ángel Jurado de la Torre (Sevilla, 21 de xuño de 1992), coñecido futbolísticamente como José Ángel, adestrouse esta mañá por primeira vez en Abegondo co Deportivo.
O novo mediocentro branquiazul, que chegou onte pola noite á Coruña e á primeira hora da mañá pasou recoñecemento médico na propia Cidade Deportiva, completou a sesión de hoxe xoves, única do día, con total normalidade.
Despois da dobre quenda de onte mércores e previa a dous novos adestramentos mañá venres (10:30 e 19:00), Imanol Idiakez baixou o ritmo da sesión de hoxe xoves. O adestrador branquiazul dispuxo dunha activación, roda de pases e unha última tarefa de posesión.
Brais Val, Jairo e Álvaro Santamaría adestráronse co Dépor, ademais dos canteiráns que están en dinámica do primeiro equipo como Diego Gómez e o xuvenil David Mella.
Martín Ochoa tivo adestramento específico no ximnasio supervisado polo readaptador Alejandro Canosa.