Na reunión acordouse a colaboración policial para o control da seguridade cidadá e o tráfico durante as tres xornadas, na que se espera unha afluencia de 5.000 persoas
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe en Guitiriz a total coordinación entre o Goberno e o Concello para garantir a seguridade no Festival de Pardiñas. A subdelegada presidiu este venres coa tenente de alcaldesa de Guitiriz, Paula Campo, a xunta de seguridade para establecer o dispositivo policial de cara á celebración os vindeiros 4, 5 e 6 de agosto do festival multidisciplinar e feira de artesanías.
Na reunión acordouse a colaboración e coordinación policial para o control da seguridade cidadá e o tráfico durante as tres xornadas, na que se espera unha afluencia de 5.000 persoas, para a que se despregará o habitual operativo da Garda Civil. Ao respecto, Isabel Rodríguez manifestou que “é moi importante supervisar todos os operativos para que estes eventos se desenvolvan con total normalidade”.
Ambas mandatarias agradeceron o intenso traballo da Asociación Cultural Xermolos para organizar, un ano máis, este evento consolidado e referencia da música folk, “un xénero musical do que temos unha enorme riqueza na nosa provincia e na Comunidade”, apuntou a subdelegada. Nesta 44ª edición, a programación contará con artistas e grupos de diferentes países, ademais de exposicións, cantos de taberna e a tradicional carreira popular.
Finalmente, a Xunta Local de Seguridade do municipio analizou e valorou a seguridade do concello. Así, a subdelegada sinalou que os datos mostran que a taxa de delincuencia diminuíu, “o que se traduce nunha maior tranquilidade para os veciños e veciñas de Guitiriz”.