Os traballos consisten na demolición das actuais beirarrúas, adoquinado, bordos e firmes; a realización das novas pavimentacións; a renovación completa das redes de servizos; a plantación de arborado e a dotación de novo mobiliario
A Deputación de Lugo comezou esta semana en Muras as obras de humanización do Campo da Feira do Viveiró. Os traballos, que contan cun investimento que supera os 400.000€ -dos que a institución provincial achega 371.200€ (o 92,56%) e o Concello 29.800€ (8%)- servirán para darlle unha nova imaxe a este espazo público tan empregado pola veciñanza e facelo máis accesible.
Nunha primeira fase, a actuación consistirá na demolición das actuais beirarrúas, adoquinado, bordos e firmes na súa totalidade, coa intención de liberar a zona de traballo. A nova superficie, que será de plataforma única, terá un acabado de formigón lavado, con bandas lonxitudinais de pedra de 10 centímetros de ancho. Situada na intersección das estradas provinciais LU-P-3402 e LU-P-6502, as vías quedarán delimitadas coa plantación de arborado.
O proxecto inclúe a renovación das redes de servizos: pluviais e saneamento, alumeado público, abastecemento de augas, enerxía eléctrica e telecomunicacións. Ademais, plantaranse un total de 23 árbores e transplantaranse 3 existentes, entre os que haberá pradairos, acivros, castiñeiros, castaños e loureiros. Finalmente, os traballos rematarán coa instalación do novo mobiliario urbano, que estará formado por papeleiras de 45 litros de capacidade, con corpo de aceiro galvanizado e cuberta de madeira, e bancos circulares, do mesmo estilo, de 2 metros de radio.
A empresa encargada destas obras é Novavial SL, que traballa cun prazo de execución de 2 meses e 15 días.
Trátase dunha actuación moi importante para o concello de Muras, non só en termos económicos, xa que o Campo da Feira do Viveiró é moi empregado pola veciñanza e acolle eventos moi importantes para o municipio e a comarca como a Feira do Mel, que se celebra a mediados de novembro.
A Deputación con Muras
Na súa política de colaboración cos 67 concellos da provincia, a Deputación de Lugo fixo un importante investimento no municipio de Muras desde o 2019, cunha achega de preto de 3M€, que serviu para a mellora das infraestruturas e as estradas, pero tamén para o fomento do emprego e o desenvolvemento das políticas sociais.
No que respecta ás infraestruturas, as obras do Viveiró veñen a completar a transformación que está a realizar este concello, cara á humanización dos seus espazos públicos, grazas á colaboración da Deputación de Lugo. Nese sentido, a finais do ano pasado, a institución provincial rematou as obras de transformación da Praza da Galeguidade, no centro urbano de Muras, onde cun investimento de máis de 225.000€ reformulou o espazo en termos de accesibilidade, comodidade e redución do tráfico.