O vicevoceiro parlamentario Julio Torrado critica que o presidente da Xunta se dedique a «branquear á ultradereita de Vox» que foi rexeitada dúas veces nas urnas polos galegos
O viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, Julio Torrado, pediu este luns a Alfonso Rueda que abandone canto antes a operación “salvar ao soldado Feijóo” coa “fuxida cara adiante” das últimas semanas e se ocupe dos problemas de Galicia.
Nunha rolda de prensa realizada na Cámara galega, o representante socialista criticou as actitudes do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se pronunciou nas últimas semanas sempre en favor de que Feijóo acade o goberno co apoio de Vox, como así remarcou nunha entrevista concedida o pasado sábado onde chamou a “non demonizar” á formación de ultradereita e a cualificou de partido “constitucionalista”.
Julio Torrado reclamou a Rueda que deixe de facer “esforzos por branquear á ultradereita que os galegos e galegas rexeitaron de maneira contundente” dúas veces nas urnas, así mesmo asegurou que da a sensación de que Rueda “ten ganas de votalos nas seguintes eleccións e que parece que quere que o candidato do PP en Galicia sexa Feijóo para presentarse el por Vox”.
Despois de enumerar diversos problemas que están de relevancia en materias competencia da Xunta, como o “grave problema” falta de profesionais na sanidade pública, os recortes de aulas e profesorado no sistema educativo ou o “atraco” aos concellos polo canon da auga, o viceportavoz socialista dixo que “ante este problemas o goberno de Rueda está desaparecido totalmente e parece que el só está poñendo os esforzos en ser axente electoral da sucia e fallida campaña de Feijóo”.
Levarlle a chaqueta a Feijóo
Do mesmo xeito, Torrado criticou que nos actos oficiais o presidente do goberno galego ceda o seu espazo para darlle máis protagonismo a Feijóo, o que considera “vulgarizar” a institución. “Parece que só vai para levarlle a chaqueta a Feijóo”, asegurou para apuntar despois a que semella que Rueda “non está cómodo” no seu papel e que está “mirando a ver que pasa no PP de España” para ver se el non ten que ser finalmente o candidato á Xunta.
Julio Torrado, que tamén se ocupa dos asuntos relativos á materia sanitaria, valorou a decisión da Xunta para que os médicos que traballan na sanidade privada e na pública reciban o complemento de exclusividade que tiñan os que só exercían no Sergas. Entende que isto “non só é contraditorio, senón que é absurdo”, sinalou que é “como se un equipo de fútbol que paga aos seus xogadores por xogar, agora o goberno de Rueda fai a proposta de pagarlles tamén para que xoguen no equipo rival”.
O socialista insiste en que deste modo non se pon solución a ningún dos problemas que sofre a sanidade pública e os seus usuarios, senón que se trata de poñer coto ás dificultades do sistema privado para encontrar profesionais. Apuntou que seguimos sendo unha das comunidades cos peores ratio de profesionais por paciente en enfermaría ou saúde mental, ou unha das que ofrece das peores condicións laborais, apuntando aí a causa da falta de persoal.
O deputado arousán considera que co poñendo os seus esforzos en solucionar os problemas do PP ou da sanidade privada, “da a sensación de que Rueda traballa para todo o mundo, menos para os galegos”.
Sistema de financiamento de Touriño e Zapatero
Ante as palabras do PP sobre a posible reforma do sistema de financiamento autonómico, o viceportavoz socialista entende que este debate non existe como tal xa que non existe proposta real de reforma sobre a mesa. Igualmente respondeu recordando que foron os expresidentes da Xunta e do goberno, Touriño e Zapatero, ámbolos dous socialistas, os que negociaron este sistema co resto de responsable dos gobernos autonómicos por aquel entón, baixo críticas dos mesmos dirixentes do PP que agora o defenden.
Por elo, agarda que cando se reforme realmente o sistema de financiamento autonómico, quen se ocupe diso “defenda os intereses de Galicia tan ben como o fixemos os socialistas, apuntou. Así mesmo, aproveitou para recordar algúns dos compromisos económicos do goberno con Galicia cumpridos na última lexislatura, como a bonificación das peaxes da AP-9, os dereitos de xubilación das mulleres do sector do mar ou a chegada do AVE, entre outros.