A promoción de Real 13 permitiu recuperar un dos maiores edificios construídos no barrio histórico vigués
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello (CCVV), Ana Ortiz, presidiu este mércores o sorteo ante notario das últimas catro vivendas rehabilitadas no barrio histórico vigués. O proceso foi público e permitiu adxudicar os novos pisos da promoción Real 13.
A representante autonómica agradeceu o traballo levado a cabo tanto desde o Consorcio Casco Vello como desde o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para poñer a disposición da cidadanía novos domicilios de promoción pública.
Segundo explicou, finalmente foron 63 os candidatos admitidos do total de 71 persoas que presentaron a súa solicitude para acceder ás vivendas promovidas polo CCVV na rúa máis emblemática da zona histórica de Vigo. O sorteo para a adxudicación da orde de selección das candidaturas admitidas tivo carácter público e levouse a cabo na sede administrativa da Xunta de Galicia en Vigo.
A promoción de Real 13 permitiu recuperar un dos maiores edificios construídos no barrio histórico vigués, levantado sobre un solar de 116 metros cadrados cunha fronte de fachada cara á rúa de 10,24 metros. Foi adquirido en decembro de 2019 e a súa reforma supuxo un investimento de 605.150,50€.
Proxecto de rehabilitación
A delegada destacou que o proxecto de rehabilitación, que inclúe ademais a creación dun local comercial na planta baixa, foi elaborado por Rodríguez e Rivoira Arquitectos e recolle como un dos seus elementos distintivos a conservación na fachada de pedra das grandes ventás que caracterizan ao edificio.
Trátase dunha das principais rehabilitacións na zona baixa do Casco Vello de Vigo realizada nos últimos anos, cunha situación excelente ao estar moi próxima a puntos de interese como a praza do Berbés, a Concatedral, A Laxe ou a praza da Constitución.
Catro vivendas e un local
Cada unha das novas residencias ten unha superficie aproximada de 63 metros cadrados e conta cun dormitorio, un baño, comedor-cociña e zona de servizos. Na mesma rúa sitúase tamén a sede dos Rexistros Mercantís de Vigo, construídos sobre unha serie de edificios adquiridos no seu momento polo organismo público. O edificio tivo que ser baleirado debido ao mal estado de conservación desta centenaria construción.