O PSdeG denuncia a situación de precariedade laboral do servizo de prevención de incendios ante «unha situación de grave risco» polas altas temperaturas

por Redacción Galicia

A deputada do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou este xoves da precariedade laboral do persoal do servizo de prevención de incendios ante “unha situación de grave risco” de lumes polas altas temperaturas que está a sofrer Galicia.

Sendo que dous terzos dos traballadores deste servizo dependente da Xunta de Galicia teñen unha vinculación de carácter eventual, a deputada socialista fíxose eco das reclamacións dos mesmos. Esta temporalidade impide, segundo indica Dacosta, que se realicen correctamente as labores de prevención de incendios ao longo do ano, que reducirían notablemente o risco de lumes e o alcance dos mesmos de producirse na temporada de verán.

Carmen Rodríguez Dacosta critica o “desinterese” amosado por parte do goberno do PP ante a prestación dun servizo que considera “esencial para a seguridade das persoas e os seus bens”. A deputada socialista incide en que “semella que a única vacina que ten o goberno galego é: ti vai facendo a ver se cola”, deixando en mans da climatoloxía o éxito ou non da campaña anti incendios.

Do mesmo xeito, denuncia que a Xunta non fixo os preceptivos concursos de traslados durante os últimos anos e a correspondente estabilización do emprego público como así obriga a normativa europea.

Así mesmo, nas súas iniciativas expón a grave situación que hai cos postos públicos por oposición, que levan parados dende o ano 2016. Tamén a promoción interna ten un carácter provisional dende hai xa sete anos. Una situación que a deputada cualificou de “insostible” e incide nas dificultades deste persoal para realizar o seu traballo sen ter estabilidade no seu posto.

“Esta situación repercute en que as labores preventivas non están realizadas a día de hoxe”, sinalou a deputada, para engadir que tamén repercute neste “servizo esencial para as persoas e a súa seguridade”, é por elo que a deputada insta á Xunta de Galicia a “establecer un servizo profesional, permanente, que realice as labores preventivas antes da tempada de alto risco de incendios”, sentenciou.

Carmen Rodríguez Dacosta tamén critica ao goberno galego por incumprir sistematicamente o ditame aprobado no Parlamento a raíz da vaga de incendios que asolou Galicia no 2017 e polo cal se estableceron medidas de reforma da política forestal, de prevención e de extinción de incendios que a Xunta está a ignorar.

 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario