O PSOE Pontevedra felicita a Tere Abelleira «por acadar un fito histórico para o deporte feminino»

por Redacción Pontevedra
A concelleira socialista Yoya Blanco expresou esta mañá os seus parabéns á xogadora pontevedresa Tere Abelleira e a toda a Selección Española de Fútbol Feminino «por acadar un fito histórico para o deporte, pero especialmente para o deporte feminino», ao acadar o pase á final do Mundial de Fútbol Feminino. Nai dunha filla que tamén xoga a este deporte (Carmen é porteira do Pontevedra CF e subcampioa de Galicia coa Selección Comarcal Sub-12), Blanco asegurou que a súa pequena «estaba onte absolutamente emocionada, chorou e todo por ver á súa Tere chegar á final do Mundial». «Isto é unha ledicia para todo o país, pero moi en especial para Pontevedra, porque se é verdade o que din as estatísticas, Tere está a ser a mellor xogadora do Mundial… Tódolos pontevedreses debemos volcarnos e acudir este domingo á Praza da Ferrería (onde o Concello instalará unha pantalla para poder seguir o encontro desde as 12:00 horas) para animar á Selección. Eu son das que penso que, aínda que non gañemos, xa gañamos por estar na final», afirmou a edil do PSOE
O propio portavoz do Grupo Municipal do PSOE, Iván Puentes, avanzou que estará presente na Ferrería «animando coas cores de España» e subliñou o seu enorme desexo de que «sexamos campións do Mundo, ademais grazas a unha pontevedresa que deberá ter o recoñecemento que merece na súa cidade, sexa ou non campioa», posto que ser subcampioa «xa é unha inmensa proeza a prol do deporte feminino».
Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario