As emisións galegas de gases de invernadoiro aumentaron o 3,3% en 2021

por Redacción Galicia

O Observatorio Galego  da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe «As emisións de gases de invernadoiro en Galicia (1990-2021)», baseado nos datos para Galicia extraídos do máis recente inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica.  Os datos oficiais indican que as emisións  volveron aumentar en 2021, despois de tres anos consecutivos de descenso.

As emisións de gases de invernadoiro causantes de cambio climático ascenderon a 19.096.905 toneladas en 2021, o que supón un crecemento do 3,3% con respecto a 2020. O maior incremento, do 19,9 %, rexistrouse no transporte, cuxas emisións regresaron a niveis prepandémicos despois da caída en 2020 inducida pola COVID-19. O transporte de persoas e mercadorías foi responsábel do 26,2% das emisións totais de Galicia. Desde 2019 é o sector que máis contribúe á crise climática global desde a nosa terra.

Tamén aumentaron de xeito importante en 2021 as emisións da industria (7,3%) e as conxuntas de fogares, comercios, institucións e sector primario asociadas ao uso de enerxía fósil (5,6%). O dato máis positivo foi o descenso (-16%), por cuarto ano consecutivo, das emisións do sector enerxético. A pesar diso, este sector segue a ser chave na nosa descarbonización, pois aínda supón o 14,6% das emisións totais. Os catro maiores emisores industriais en 2022 pertencen ao sector enerxético, coa central de ciclo combinado a gas fósil das Pontes (Endesa) á cabeza.

Os datos sobre as emisións en 2021 revelan o grande atraso na desfosilización do transporte, da industria non enerxética e do resto de sectores. Un reto que pasa principalmente polo decrecemento do consumo e polo aumento da electrificación dos usos enerxéticos finais. Cómpre unha maior electrificación baseada en electricidade 100% renovable, obxectivo que se debería atinxir antes de 2030.

 Con respecto a 1990, principal ano de referencia para as políticas climáticas, as emisións de Galicia diminuíron o 34%, debido sobre todo á desfosilización parcial do sector enerxético, que baixou as súas emisións en 12,1 millóns de toneladas (-81,3%). Para iso, foron chaves a substitución da electricidade xerada nas centrais de carbón pola procedente da nova potencia renovábel instalada (maioritariamente eólica) e a suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións rexistrada a partir de 2019.

Para contribuír á meta dos 1,5 graos, Galicia debería diminuír as súas emisións un 65% en 2030 en comparación con 1990. A Xunta elevou o seu obxectivo ao 55%, mais non concretou aínda unha folla de ruta para o lograr, mediante a revisión da Estratexia Galega de Enerxía e Cambio Climático 2050, adoptada en 2019, que só prevé un recorte do 24,6% para 2030.

Os datos oficiais sobre as emisións galegas do ano pasado non se coñecerán até a primavera do próximo ano. Porén, baseándose no aumento do 5% das emisións cubertas polo Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión –un 30% do total das emisións galegas- ou na estabilización do consumo de produtos petrolíferos e da cabana de gado bovino, pódese avanzar que en 2022 as emisións galegas aumentaron ou reducíronse pouco.

A aceleración da transición enerxética, a través tanto da diminución da demanda como dun crecemento socioambientalmente adecuado das enerxías renovables, segue a ser a principal vía para afondar na redución de emisións de gases causantes de cambio climático. Proba diso é que o 71,1% das emisións están ligadas á transformación e o consumo de enerxía fósil.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario